Crece o interese polos montes deforestados para entrar no negocio da venda de aire limpo
Por Oskar Viéitez
Moitas empresas puxeron os seus ollos nos terreos deforestados ou queimados ante a posibilidade de vender bonos de carbono para que outras industrias compensen as súas emisións de CO2. Unha alternativa máis barata que ter que modificar a súa tecnoloxía ou estrutura para deixar de contaminar tanto.
Así, unhas empresas encárganse de replantar o monte e posteriormente venden en poxa eses bonos de compensación de CO2 que as industrias compran para cumprir os seus obxectivos de desenvolvemento sostible ou emisións de gases cero, recibir subvencións "verdes" ou para captar clientes concienciados co medio ambiente.
No caso de España, o Goberno establece un límite de emisións e emiten varios bonos de emisión baseados nese límite. Este mercado funciona por poxa e o pasado ano 2022 os dereitos de emisión europeos situáronse ao redor dos 80 euros/tonelada, case o dobre que en 2021. O total de operacións alcanzou os 865.000 millóns de euros, segundo un informe de London Stock Exchange Group.
Paralelamente existen empresas, comunidades de montes ou particulares que ofrecen montes, proxectos de construción de fontes de enerxías renovables (muíños, placas solares e centrais hidroeléctricas) ou de transformación de residuos en enerxía ou biogás. Neste outro mercado póxase libremente por eses bonos de emisións de carbono. Nestes casos adoitan adquirilos grandes fondos de investimento que posteriormente revenden os bonos ás empresas. En 2022, este mercado, denominado voluntario, negociou 116 millóns de toneladas de carbono por un valor total de 723 millóns de euros, segundo o informe de Xpansiv.
En España, os proxectos de absorción de CO2 deben inscribirse no Rexistro de Pegada de Carbono do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Entre outros requisitos, o bosque debe estar nunha zona forestal incendiada ou nun lugar onde non haxa un bosque desde o ano 1990. Ademais, a zona debe ocupar máis dunha hectárea, o proxecto debe ter unha permanencia mínima de 30 anos e o cálculo das absorcións debe realizarse coa propia calculadora do Rexistro.
Segundo datos do propio ministerio, actualmente hai 420 proxectos de compensación de carbono rexistrados por parte de 169 promotores, o que supoñen case 8.000 hectáreas. Deles, 244 están en Galicia e 93 na provincia de Pontevedra.
Ademais de concellos e diferentes comunidades veciñais de montes mancomunados, entre as empresas que máis proxectos ofertan están Forestación Galicia. S.A. (Foresga), a firma navarra CO2 Revolution, a Asociación Forestal de Galicia, a compañía madrileña Bank of Climate e Xestión Forestal e do Medio Agrícola (Gesforma).
A Organización Galega de Comunidades de Montes tamén sopesa a creación dunha sociedade para entrar neste negocio que supón múltiples vantaxes desde o punto de vista financeiro, sen que iso supoña crear distorsiones na ordenación do monte.
Relacionadas:
-
Os propietarios forestais da provincia de Pontevedra facturaron 43 millóns de euros no 2022, un 25% máis que o ano anterior
Por Redacción |
-
Nova vida ao monte comunal de Quireza coa plantación de 17.000 árbores autóctonas
Por Redacción |
-
Plantan 3.050 árbores en terreos arrasados polo lume en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |