Chalecos reflectores para tomar conciencia e protexer os peóns ante a preocupación polos atropelos

Por Redacción
No que vai deste ano 2023, catro usuarios vulnerables perderon a vida nas estradas da provincia de Pontevedra, un balance negativo que inclúe o falecemento dun motorista nunha saída de vía en Cercedo-Cotobade e de tres peóns na A-55 en O Porriño e na terraza dun bar en Vilaboa.
As cifras facilitounas este mércores a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, con motivo da súa participación nunha campaña da Dirección Xeral de Tráfico de reparto de chalecos reflectores de alta visibilidade.
Larriba fixo un chamamento aos peóns para que tomen todas as medidas de auto protección necesarias para evitar atropelos e indicou que durante o ano 2022, os atropelos a peóns representaron o 3,1 % dos accidentes con vítimas na provincia de Pontevedra.
Durante o ano pasado, os accidentes con vítimas -falecidos, feridos leves ou graves- tiveron implicadas a bicicletas en 40 ocasións, ciclomotores en 32, e motos en 135.
A nova campaña presentouse na parroquia de Portela, en Barro, lugar de paso de peregrinos ao ser atravesado polo Camiño de Santiago, coa presenza da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; e o capitán da Garda Civil, Antonio Pérez Piteira.
Maica Larriba explicou que con esta campaña preténdese sensibilizar a todos os usuarios, tanto peóns como condutores, sobre a importancia de ver e ser vistos, así como de cumprir as normas de circulación, para que non haxa ningunha persoa ferida. A campaña basease no reparto de chalecos entre os usuarios vulnerables, en concreto, a peóns, ciclistas e motoristas, para que sexan máis visibles nos seus desprazamentos.
A subdelegada explicou que existe unha "grande preocupación sobre este colectivo", por iso ata o domingo axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil entregarán a peóns, peregrinos e peregrinas e ciclistas estes elementos reflectores.
O uso deste elemento de seguridade é obrigatorio para os peóns que circulen pola beiravía ou, de ser imprescindible, pola calzada, entre a posta e a saída do sol ou en condicións de visibilidade reducida, aínda que é moi recomendable o seu uso sempre que se teña que circular por estrada, a calquera hora do día.
Relacionadas:
-
Falece un ciclista nun viaduto en Salcedo
Por Redacción |
-
O condutor que impactou contra unha terraza en Vilaboa será xulgado por dous homicidios por imprudencia
Por Alejandro Espiño |
-
Este venres pecha o tramo final da Avenida de Vigo por obras
Por Redacción |
-
Preocupación nas autoridades de Tráfico polo aumento de alcoholemias positivas en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Activado o plan para que sexa seguro circular polas estradas de Pontevedra no inverno
Por Redacción |
-
Cero mortes en estradas, o propósito marcado no acto en recordo ás vítimas de accidentes de tráfico
Por Manu Otero & Mónica Patxot |