Habilitan 540 prazas de aparcamento na Finca Douro mentres se pecha parcialmente o de Fexdega por obras
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía xa dispón do aparcamento disuasorio na Finca Douro cun total de 540 prazas de estacionamento libre e gratuíto como alternativa ao peche parcial do aparcamento dianteiro situado na zona de Fexdega.
O aparcamento atoparase operativo mentres duren as obras de Augas de Galicia para acometer os tanques de tormenta no espazo do recinto feiral.
Este espazo alternativo supón un total de 13.500 metros cadrados que se distribúen en tres zonas. Para facilitar a entrada e saída de vehículos do disuasorio, o Concello de Vilagarcía estableceu tres accesos, dous desde Rodrigo de Mendoza, o inicial pola esquina da Rúa Castiñeiro, e outro máis próximo á rotonda de Laxe), ademais dun terceiro pola Rúa Moreira.
O aparcadoiro dianteiro de Fexdega non está totalmente inutilizado polas obras. Aínda quedan ao redor de 80 prazas dispoñibles no extremo que ofrece acceso rodado ao recinto feiral e ao aparcamento posterior, que tamén ten capacidade para outras 400 prazas.
As prazas para vehículos de persoas con mobilidade reducida trasládase á rúa continua. Os traballos de Augas de Galicia non afectarán á circulación do tráfico.