Inundación de varias rúas e estradas en Vilagarcía

Por Oskar Viéitez
A alerta amarela establecida para esta noite na zona deixou un elevado número de incidencias en Vilagarcía debido ás inundacións rexistradas como consecuencia dos 57 litros por metro cadrado acumulados na cidade entre as 12 da noite e as 10 de mañá.
As consecuencias destas elevadas precipitacións deixáronse notar nas zonas habituais: as arterias circulatorias de Doutor Tourón, Rodrigo de Mendoza e Rosalía de Castro, onde as redes de recollidas de pluviais se viron totalmente saturadas e a auga manaba cara a superficie por todas as arquetas.
Outro punto no que son frecuentes as incidencias por chuvias foi o paso baixo a vía do tren no acceso á Torre dende López Ballesteros. Esta última vía tivo que cortarse ao tráfico ao igual que a rúa Sarxento Solla, en Cea, onde o desprendemento de parte dun muro sobre a vía pública impedía o paso dos vehículos. Os servizos municipais bombearon a auga e aseguraron o muro para poder reabrila. Tamén se retiraron pedras na estrada N-640 arrastradas polos regos de auga ata a calzada e que, pese a ser de pequeno tamaño, poderían supoñer un risco para a condución.
As labores de achique de auga en vías públicas foron xeneralizadas, realizándose operacións deste tipo tanto en rúas peonís, como Rey Daviña, Praza de Galicia ou Matosinhos, como en rúas con tráfico rodado como na avenida das Carolinas, Ramón Martínez, na contorna do colexio da Escardia, en Guillán, na ponte da rúa San Xosé, rúa Quintáns (Rubiáns) e Rúa Coca, entre outros. No que a propiedades privadas se refire, acudiron a bombear auga a un baixo da Rúa Rafael Pazos e outro de Castroagudín e nun patio de Fariña Ferreño.
Os servizos do Concello tamén acudiron á Escola Infantil Municipal onde, debido á acumulación de auga das canlóns de recollida de pluviais, se desprenderon elementos do falso teito en catro aulas. Malia isto, a actividade do centro educativo non se veu alterada, ben é certo que xa foran poucas as familias que levaran ao seus fillos ao centro a primeira hora da mañá, xusto cando se producían as trombas de auga.
Como consecuencia da inundación de Rodrigo de Mendoza, -situada na zona anegable da beira do río Con- o recinto feiral de Fexdega –emprazado nunha marisma desecada- tamén sufriu as consecuencias das chuvias torrenciais. Ao igual que aconteceu coas arquetas da avenida, a auga tamén buscou alivio cara a superficie na zona do pavillón, onde xa están moi avanzados os traballos para acondicionar de novo o espazo de cara á apertura do Fexturrón pola tarde.
Aínda que non se chegaron a inundar, a Fundación de Deportes decidiu suspender a actividade durante a mañá no pavillón Castelao e nos de Fontecarmoa debido ó exceso de humidade ambiental no seu interior, co obxecto de previr escorregamentos e caídas.
Co obxecto de coñecer a repercusión das inundacións desta mañá, interesarse pola situación dos posibles damnificados e ofrecer a colaboración municipal, o alcalde, Alberto Varela, acompañado de membros do seu equipo de goberno, visitou esta mañá algunhas das zonas afectadas.
O alcalde salientou a eficacia do dispositivo municipal posto en marcha. E sinalou que "as labores de prevención levadas a cabo dende inicio do outono no que a limpeza de canalizacións e tragantes se refire, xunto coas melloras, ampliación e separación das redes de saneamento e pluviais executadas nas diferentes obras realizadas nas vías públicas, foron outros dos aspectos que influíron positivamente nesta pronta volta á normalidade".
Alberto Varela incidiu en que "a previsión e a coordinación dos efectivos dispoñibles fixo que antes da media mañá, máis do 90 por cento dos espazos públicos xa volveran á normalidade, e a medio día xa se reabriran ao tráfico as únicas vías que se tiñan cortado", Sarxento Solla en Cea por desprendemento de pedras dun muro, e o acceso á Torre por acumulación de auga baixo a ponte do tren.
Desde o grupo municipal do Partido Popular de Vilagarcía expresaron o seu enfado ante a "nefasta planificación" nas obras de mantemento da cidade e sinalan como "prueba de ello" as inundacións na Avenida Doutor Tourón.
"Los grandes problemas creados por las lluvias siguen a la espera de solución desde que Alberto Varela llegó a la alcaldía, pese a la gran cantidad de millones gastados en obras", sinala a voceira popular Ana Granja.
"El gobierno socialista se centra en ejecutar obras que puedan lucir y que puedan vender electoralmente, sin acometer aquellas de mantenimiento que son básicas para el normal desarrollo de la ciudad", criticou.