47 alumnos de cinco institutos participarán este ano nunha nova edición do Club de Debate
Por Redacción
O Club de Debate de Pontevedra quenta motores para a súa nova edición. Os 47 mozos e mozas integrantes dos equipos que participarán este ano víronse as caras por vez primeira este sábado. Foi nun curso de habilidades comunicativas que se celebrou no Pazo da Cultura. En total, participarán seis equipos procedentes de cinco institutos, formados na súa meirande parte de estudantes de primeiro de bacharelato e cuarto da ESO.
Nesta edición os equipos participantes serán os seguintes:
- IES A Xunqueira I (10 alumnos)
- IES Luís Seoane (8 alumnos)
- IES Torrente Ballester (10 alumnos)
- IES Valle Inclán A (6 alumnos)
- IES Valle Inclán B (6 alumnos)
- IES Ponte Caldelas (7 alumnos)
Nesta reunión formativa realizaron unha preparación de habilidades comunicativas para falar en público. Os futuros participantes do Club de Debate abordarán o fenómeno da comunicación, a modulación da voz (ton, intensidade, ritmo), a ordenación do discurso, a escoita, a comunicación non verbal ou a linguaxe. Tamén traballarán a complexidade da comunicación grupal.
Os contidos que se traballaron na actividade desenvolven as habilidades comunicativas e a oratoria do alumnado e tamén se traballa o proceso de documentación sobre os temas obxecto de debate. Ademais, esta actividade trataba de fomentar o pensamento crítico, a tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo.
Este proxecto, naceu ao abeiro das recomendacións do Plan Xeral de Normalización Lingüística para un dos sectores que considera estratéxico: a mocidade. Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso do galego cunha visión moderna, afable e útil e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).
Relacionadas:
-
O Luís Seoane, gañador da quinta edición do Club de Debate
Por Redacción |
-
A permanencia de ENCE na Ría, tema de discusión na V edición do Club de Debate
Por Alejandro Espiño |
-
O Sánchez Cantón queda terceiro na final do Club de Debate
Por Oskar Viéitez |
-
O IES Sánchez Cantón ante a final galega do Club de Debate: "Imos demostrar quen somos"
Por Alejandro Espiño |