Os amantes dos almorzos premian 'El Desayuno del Cura' como o mellor de Pontevedra
Por Redacción
'El Desayuno del Cura', elaborado por El Huerto del Cura' (Joaquín Costa, 42), foi elixido polos amantes dos almorzos de Pontevedra como proposta gañadora do certame Pontealmorzo 2023 celebrado durante este mes de maio en Pontevedra.
O considerado Mellor Almorzo de Pontevedra 2023 estaba composto por café/infusión/cacao, zume natural de mazá e cenoria e bagel de xamón, aguacate e ovo revolto.
Os votos dos pontevedreses deron o segundo premio ao 'Originale' de Pumper (Sagasta, 22), composto por café, zume natural e tosta de hummus de alfábega con mazá, noces e pesto.
O terceiro premio e o primeiro posto da categoría de Mellor Almorzo Libre de Glute foi para o 'Desayuna Contigo' de Café Sonata (Peregrina, 66), composto por café, auga con limón, batido de bagas de goji, kéfir con avea e froitas, quiche de verduras, mini tosta de aguacate e doce de cacao.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, deu a coñecer este domingo os premiados e destacou o elevado nivel dos menús presentados.
Segundo os datos facilitados polo Concello, os locais adheridos a Pontealmorzo 2023 venderon case 4.000 almorzos a un prezo fixo de cinco euros, unha cifra que, en palabras de Yoya Blanco, "ten un especial mérito", tendo en conta que o sector atravesa un momento complicado, con dificultades para a contratación de persoal e cun aumento do prezo das materias primas.