O certame de almorzos Pontealmorzo volve á carga coa súa segunda edición entre o 4 e o 14 de maio
A gastronomía seguirá marcando a axenda do mes de maio pontevedrés. A segunda edición do certame Pontealmorzo collerá a remuda do festival culinario internacional Mestizaxes, que arrinca este xoves na praza de España.
O concurso de almorzos organizado pola asociación de hostaleiros Hoempo, que o ano pasado tivo unha exitosa acollida, regresará á Boa Vila do 4 ao 14 de maio. "Esta segunda edición vai ser tamén un gran éxito", augurou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.
Os consumidores poderán pedir os seus almorzos en 16 establecementos que se adheriron ao concurso entre as 9 e as 12 horas e, nalgúns casos, tamén en horario de merenda. O prezo de cada consumición é de 5 euros e inclúe, por norma xeral, bebida quente, bebida fría e un petisco doce e/o salgado.
Os locais participantes este ano son Cafetería Silathe, Vía Nai, Panadería A Devesa Riestra, Panadería A Devesa Monte Porreiro, El Huerto del Cura, Bachata, La Buena Vida, Café Bar Bogotá, El Cafetín, El Patio Kinder, Pumper, Adega dos Avós, Café Sonata, La Platería, Dulce de Leche Alameda e Lulo Gastrogrill.
A portavoz do colectivo de hostaleiros, Elena Vitoria, explicou que con cada consumición entregarase un código QR a cada cliente para que o escaneen e puntúen o almorzo de 1 a 5. Con todos os votos, elixirase a cafetería gañadora do certame que relevará a Moi Bo, establecemento gañador da primeira edición.
Ademais, haberá unha mención especial para o local que prepare o mellor almorzo sen glute que será elixido polos integrantes da Asociación de Celíacos de Galicia.
Desde Hoempo destacan o esforzo realizado polos hostaleiros por ofrecer un "deseño fino" nun momento "complexo polos problemas para contratar persoal e a subida do prezo das materias primas".
Relacionadas:
-
Os amantes dos almorzos premian 'El Desayuno del Cura' como o mellor de Pontevedra
Por Redacción |
-
Uns encontros de cociña internacional abren a programación de Mestizaxes na Praza de España
Por Redacción |
-
'Mestizaxes' volve a reunir á cociña internacional da Boa Vila
Por Álvaro Arosa Barco |
-
19 bares e cafeterías aspiran a ofrecer o 'Mellor Almorzo de Pontevedra'
Por Diana Eiras & Redacción |
-
Que establecementos compiten na primeira edición de PonteAlmorzo?
Por Redacción |