A limpeza do Pavillón de Monte Carrasco de Marcón pasará a ser semanal
Por Redacción
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobaba este luns a modificación do contrato de limpeza tanto as dependencias municipais e deportivas.
Anabel Gulías, voceira do goberno local, explicaba que se amplía o contrato en establecementos municipais como o parque de Bombeiros e a sede da Policía Local, onde se realizaron reformas que ampliaron a superficie das dependencias e era necesario axustar o servizo, segundo indicou a representante do goberno.
A estes espazos súmase o segundo piso e o baixo cuberta das dependencias de Santa Clara, do edficio da Redeira. Neste centro atópase tanto o CIM como a sede de empresas galegas innovadoras do Pont-Up Store e, por este motivo, amplíase o espazo de limpeza.
Ademais, neste contrato tamén se incorpora o Pazo da Cultura co Recinto Feiral e o Teatro Principal. Con esta incorporación facilítase o seguimento e a racionalización dos recursos públicos, segundo explicou Gulías. Tamén se inclúen os dous centros sociais novos, o dos Campos en Mourente, e o de Cacheiro, na Canicouva.
Neste servizo se reprograman as limpezas en sedes como Churruchaos e na antiga sede do conservatorio en Alfonso XIII, edificios que se someterán a reformas.
Esta modificación conleva un investimento de 98.004 euros, que figura no Lote 1.
INSTALACIÓNS DEPORTIVAS
No apartado de instalacións deportivas, está previsto que o Pavillón Monte Carrasco de Marcón pase a ter unha limpeza unha vez á semana, a diferenza dunha vez ao mes que permanecía ata o de agora.
O campo de rugby de Monte Porreiro pasará dunha vez ao mes a 15 días.
No pavillón da Xunqueira incrementarase a superficie, ao incorporarse as novas bancadas da primeira planta. Tamén os pavillóns anexos de centros escolares verán reforzado o servizo, ao intensificarse a súa utilización. Limparanse unha vez á semana os pavillóns de Fina Casalderrey, A Xunqueira 2 e o polideportivo de Cabanas.
O investimento nestas instalacións sitúase en 43.698 euros.
OUTRAS APROBACIÓNS
Tamén se aprobaba na Xunta de Goberno Local a prórroga de consultoría xeral do programa Edusi para asistencia técnica, por unha cifra de 15.729 euros, por un período de seis meses a partir do 3 de xuño.
Tamén se aprobaba unha proposta de adxudicación para o seguro de responsabilidade civil do Concello, que asume AXA Seguros, cunha oferta de 80.000 euros, vinte mil euros menos dos que figuran no contrato actual.