Nova suspensión do xuízo contra unha rede acusada de introducir catro toneladas de cocaína a través da ría de Arousa
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra volveu a suspender este mércores o xuízo contra unha rede acusada de introducir catro toneladas de cocaína a través da ría de Arousa na madrugada do 28 de marzo de 2020, con todo o país confinado pola pandemia de COVID.
De novo, no banco dos acusados faltou un dos nove procesados, Daniel del Río que o pasado luns sufriu un accidente de tráfico cando se dirixía á Audiencia, o que obrigou a aprazar o xuízo ata hoxe mércores.
Nesta ocasión a súa avogada presentou un informe dunha clínica privada que diagnosticaba que o acusado sofre unha escordadura cervical e que precisa "repouso absoluto durante 72 horas", aínda que o presidente do tribunal reclamou o parte de alta do centro hospitalario que lle atendeu en primeiro lugar e propuxo que compareza de maneira telemática para poder empezar a vista oral.
O fiscal antidroga, Pablo Varela tamén solicitou que un médico forense examine a este acusado para saber se está en condicións de asistir ao xuízo.
Para estudar todas estas cuestións os maxistrados suspenderon a sesión durante unha hora. Nese tempo un médico forense do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia) acudiu á casa deste acusado en Vilanova de Arousa e confirmou o diagnóstico engadindo que cumpridas esas 72 horas de descanso o procesado poderá asistir ao xuízo.
De modo que o tribunal tomou a decisión suspender o xuízo e sinalalo de novo para o vindeiro mércores día 31 de maio.
O fiscal pide para o suposto xefe da organización, o vilagarcián Carlos Silla, unha condena de 18 anos de prisión. Para os outros oito acusados, o Ministerio Público solicita penas de trece anos e medio de prisión. Todos os acusados tamén se enfrontan a multas de 300 millóns de euros cada un.
A operación foi abortada polas unidades antidroga da Garda Civil, a Policía Nacional e o Servizo de Vixilancia Aduaneira despois dunha persecución de dúas planadoras de gran potencia cargadas con multitude de fardos de cocaína que acababan de desembarcar desde o veleiro ‘Benirrás’.
Unha das lanchas chegou con 72 fardos de cocaína á praia de Barreiriño, no Grove, e a outra foi localizada no illote de Airós cando os seus tripulantes tentaban fondear os fardos fuxindo a toda velocidade. A embarcación foi localizada posteriormente na desembocadura do Umia e a Policía logrou recuperar outros 72 fardos de droga, aínda que non aos seus tripulantes.
Tal e como recoñeceu o fiscal Pablo Varela "non foi posible identificar a todos os suxeitos implicados nesta complexa actividade criminal".
En canto ao veleiro Benirrás foi afundido fronte ás costas da Guarda polos seus tres tripulantes que chegaron a terra nunha zodiac auxiliar.
Relacionadas:
-
A Audiencia condena a 15 anos de cárcere ao arousano Carlos Silla polo alixo do Benirrás
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía sostén que Carlos Silla dispoñía de toda unha frota de veleiros dedicada ao narcotráfico
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Tres dos acusados de formar parte dunha rede de narcotraficantes recoñecen os feitos na Audiencia de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Suspendido un xuízo por narcotráfico ao sufrir un accidente de tráfico un dos acusados cando ía camiño da Audiencia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |