"O que queren son escravos", tensión no sector do metal
Por Redacción
Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional de CIG-Industria, afirmaba este mércores que o sector do metal está chamado ao conflito no caso de que non se rexistre un "cambio radical" na posición da patronal en relación ao convenio colectivo da provincia.
Nesta xornada concentrábase persoal deste sector, convocado polo sindicato nacionalista, diante da empresa do presidente de ASIME (Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia), situada en Valga. Reclaman un acordo para mellorar as actuais condicións laborais.
A última proposta presentada pola patronal na mesa de negociación foi cualificada como un "desprezo e unha provocación" por parte da CIG.
Este venres 26 de maio manterán asembleas de traballadores na provincia. En Pontevedra será no local do sindicato na Rúa Pasantería, mentres que en Vilagarcía celebrarase na chaira do Auditorio municipal. Ambas as a partir das 19.30 horas.
Nestas asembleas decidirase se intensifican as accións de protesta co obxectivo de forzar as negociacións. Entenden que a subida salarial é "irrisoria" dun 4,5 total nos tres anos de duración do convenio candos os representantes sindicais demandan un incremento acorde ao IPC.
Alegan tamén un recorte de dereitos ao pretender eliminar a limitación dos contratos por ETT; ampliar de seis a doce meses os contratos de duración determinada por circunstancias de produción, regular os contratos fixos descontinuos e establecer a remuneración dos contratos de formación en prácticas no que marca o Estatuto de Traballadores.
Tamén se propón limitar as vacacións en determinados meses do ano e suprimir os tres días de licenza por nacemento, entre outras circunstancias que denuncia a CIG que considera que é unha burla: "o que queren son escravos e escravas". Afirman que non están dispostos a permitir perdas de dereitos adquiridos en anteriores acordos.