O 13 de xuño, día clave na negociación do convenio colectivo no comercio de alimentación
15.000 traballadores da provincia mantéñense pendentes das negociacións do convenio colectivo do sector do comercio de alimentación. Este venres, a CIG convocou unha manifestación que partirá ás 20.00 horas do Hospital Provincial, mentres que a UGT denunciaba a actitude da patronal ao mostrar "pasividade absoluta" nas sete reunións que se mantiveron ata o momento para avanzar co obxectivo de alcanzar un acordo.
O 13 deste mes de xuño está convocada unha nova reunión na que se tratará o incremento salarial, tema clave na negociación. Os catro sindicatos con representación na negociación presentan diferentes propostas. CIG pide unha subida dun 7%; USO, un 6%; a CCOO, un incremento de 1.200 euros anuais; mentres que UGT demanda unha subida de 1.600 euros lineais anuais, o que supón unha subida dun 10,09%.
Esta petición de UGT é para Roberto Puga, responsable de Fesmc UGT Pontevedra; unha decisión "inamovible" e xustifícana na perda de poder aquisitivo despois da firma do anterior convenio colectivo: "non imos baixar un céntimo", afirma sinalando que "non imos ser as irmás da caridade para que estas empresas sigan engordando as súas contas de explotación e non compartan nada dos seus beneficios".
A esta situación de falta de propostas salariais por parte da patronal súmase, segundo Carlos Esperón, de UGT, a división sindical principalmente coa CIG, sindicato maioritario, a quen acusa de convocar asembleas e manifestacións sen contar co resto de forzas sindicais no medio dunha negociación que coincide coas eleccións sindicais en Froiz e Gadis, previstas para o vindeiro mércores 7 de xuño.
O representante de UGT afirma que a CIG aposta por un convenio galego para o sector, que provocaría a perda do plus de antigüidade, que é un dos dereitos adquiridos no convenio da provincia. "Vainos na nómina", asegura Esperón ao lembrar que a media dos salarios sitúase en 1.056 euros.
Pola súa banda, Iván Veiga, representante da CIG no sector, sinala que a central nacionalista non propón un convenio galego para o comercio de alimentación e explica que tanto a asemblea como os actos de protesta son abertos a todo o persoal que se queira sumar.
#Ante esta situación, o oitavo encontro entre patronal e sindicatos marcará as posturas de ambas as partes á espera de que os representantes das empresas de distribución de alimentación presentan unha oferta económica e, en caso de non ser satisfactoria, se o resto de centrais inician protestas coa intención de forzar a situación e buscar a entrada da mediación da xefatura de Inspección de Traballo como sucedeu nos convenios negociados durante os últimos 16 anos.