En marcha as obras para mellorar o acceso ao Local de Música e ao albergue de peregrinos
Por Redacción
Durante os últimos días, a contorna do Local de Música sométese a unha reforma para mellorar as zonas de acceso a este espazo de ensaio dos grupos de música xuvenís de Pontevedra, situado en Otero Pedrayo, onde tamén se atopa o albergue de peregrinos.
As obras inclúense no contrato de mantemento e promoven a reordenación da zona con diversas accións. Créase un vao de acceso en formigón nivelando a beirarrúa dun lado a outro; elimínanse os chanzos existentes e tamén se suprime o tamaño estreito das beirarrúas de acceso ao espazo.
Nos próximos días está prevista a instalación de sinais de prioridade peonil tanto para usuarios do Local como para as persoas que acceden ao albergue de peregrinos.
Na parte superior tamén se realizarán rebaixas e crearanse ramplas adaptadas para conectar cos percorridos peonís. A zona de aparcamento contará cun acceso peonil central e garantirase unha zona de servizos ao edificio do Local de Música.
Diante da porta de entrada principal crearase unha zona de estancia coa instalación de bancos aproveitando a actual zona verde. Cambiaranse as varandas e mellorarase a recollida de augas pluviais. Ademais está prevista a reforma da iluminación para mellorar a visibilidade nos accesos.
Relacionadas:
-
Inmediata mellora da contorna do Local de Música con previsión dunha ampliación ambiciosa
Por Anxo Lourido |
-
Un Black Hole dedicado ao Local de Música para celebrar os seus 15 anos de historia
Por Manu Otero & Juan Manuel García Tajes |
-
'Con_versas Z', a mocidade pontevedresa falando dos temas que lle preocupan, agora en Spotify e Ivoox
Por Redacción |
-
Seis bandas de Xeración Sónica participarán no Vira Fest de Paredes de Coura
Por Álvaro Arosa Barco |