Autocaravanistas galegos reclaman un espazo de estacionamento no Grove
Por Redacción
Manuel Fernández-Arruty, presidente da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) enviou unha carta a José Cacabelos, alcalde en funcións do Grove, na que lamenta que o rexedor demonice os autocaravanistas.
Solicita por segundo ano consecutivo, a través do correo, unha reunión para expoñer a posición dos 800 autocaravanistas galegos. Sinala que a anterior misiva non tivo acuse de recibo.
O presidente do colectivo pide ao alcalde que se traballe conxuntamente para buscar fórmulas de colaboración que permitan unha xestión do autocaravanismo sostible. "O Grove é un dos poucos municipios turísticos de relevancia na costa galega que segue sen dispoñer dunha área de estacionamento de autocaravanas", afirma Fernández-Arruty.
Acusa a Cacabelos de "denominar" os usuarios de autocaravanas polos problemas de masificación de vehículos que sofre o municipio do Salnés no verán. O representante lembra que no parque móbil en España, estes vehículos representan a menos do 1%.
Lembra ao alcalde que é importante a colaboración para fomentar o autocaravanismo, práctica que axuda a desestacionalizar o turismo, e expón que diferentes administracións aproveitan o crecemento desta actividade para crear áreas que axudan a optimizar o turismo de autocaravanas.
Por último, trasládalle o malestar do colectivo coa actitude do goberno local do Grove polas críticas e sinala que, anos atrás, en localidades como o Algarve o autocaravanismo era considerado un problema ata que decidiron velo como unha oportunidade e, hoxe, a rexión portuguesa recibe autocaravanistas de toda Europa ao longo de todo o inverno.
Relacionadas:
-
Críticas do PP ao mal estado dos accesos ás praias do Grove
Por Redacción |
-
Autocaravanistas de toda Galicia arroupan a estrea da área de estacionamento de Portas
Por Redacción |
-
Caldas inaugura a súa nova área de estacionamento de autocaravanas
Por Redacción |
-
Só unha trintena de autocaravanas foron multadas por exceder os tres días de permanencia
Por Alejandro Espiño |