A última redada en Joaquín Costa deixa cinco detidos e desarticula un punto de venda de cocaína
Por Natalia Puga
A rechamante operación policial desenvolta o pasado 31 de maio en distintos puntos de Pontevedra segue dando que falar e acaba de saberse que deixa un balance importante en canto a que suma cinco detidos e permitiu desarticular un punto de distribución polo miúdo de cocaína na cidade.
Naquel momento, deuse a circunstancia de que confluíron nunha mesma intervención dúas investigacións diferentes, unha da Garda Civil de Ourense por roubos con violencia e outra das policías Local e Nacional de Pontevedra por tráfico de drogas. En ambas aparecía como sospeitoso un veciño da rúa Joaquín Costa e durante horas todos os corpos implicados realizaron un minucioso rexistro no seu domicilio.
Da operación da Garda Civil xa se deu conta no seu momento e este venres tocoulle á operación conxunta do grupo de UDYCO 1 da Policía Nacional e do grupo SAI da Policía Local.
As investigacións iniciáronse a finais do ano pasado, tras recibirse informacións no grupo uno de Udyco da Policía Nacional sobre a localización de distintos puntos de venda polo miúdo en Pontevedra.
A Policía Nacional acordou coa Policía Local a realización dunha operación conxunta e durante meses realizaron vixilancias e operacións coordinadas ata lograr determinar a identidade da persoa que sería a responsable dun grupo criminal composto por outras catro persoas cos roles diferenciados no armazón delituoso.
En relación cos puntos de venda, púidose determinar que existían dous domicilios no centro de Pontevedra e dous locais de lecer na zona monumental utilizados para diversificar tanto as vendas de substancias como os lugares de distribución.
Os dous xefes ingresaron en prisión acusados dun delito contra a saúde pública.
O resultado final dos rexistros foi a incautación de 650 gramos de cocaína distribuídas en dúas tabletas finas, 18 gramos de cocaína en po, básculas de precisión, e material para a preparación de diferentes doses.
Relacionadas:
-
Detido un mozo de 20 anos por propinarlle unha puñada no estómago e agredir cun pau a súa parella
Por Oskar Viéitez |
-
Incautan cocaína e cen mil euros en xoias ao grupo criminal desarticulado en Pontevedra e Ourense
Por Redacción |
-
Dúas operacións policiais cruzadas acaban con dous detidos na cidade por tráfico de drogas e roubos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot & Diego Espiño |
-
Rexistros en pleno centro de Pontevedra nunha operación policial contra os roubos con violencia e tráfico de drogas
Por Natalia Puga & Diego Espiño |