Campo Lameiro erixirá un tótem e celebrará cunha festa popular a súa distinción como capital do turismo rural
Por Redacción
Campo Lameiro celebrará coa colocación dun tótem na Praza do Concello e unha festa popular a distinción recibida como “Capital do Turismo Rural” de España 2023.
Este evento, que terá lugar o vindeiro sábado 24 de xuño, contará cunha mostra de produtos artesáns, unha andaina pola ruta do Maneses, visita guiada ao Parque Arqueolóxico da Arte Ruestre (PAAR), un xantar popular, obradoiros e varias actuacións musicais ao longo de toda a xornada.
Entre as autoridades convidadas a participar neste evento están os alcaldes dos dez concellos finalistas da presente edición do concurso realizado por EscapadaRural en toda España para elixir a “Capital do Turismo Rural” e que gañou Campo Lameiro. Tamén se cursou invitación á Xunta de Galicia, Deputación e a aqueles concellos da contorna que se implicaron no apoio á esta candidatura.
A celebración popular deste recoñecemento turístico comezará o día 24 sobre as 11 da mañá coa apertura dunha mostra artesanal de produtos elaborados por emprendedores locais e ás 11:30 horas terá lugar a saída dunha pequena andaina pola ruta do Maneses para, posteriormente, facer unha visita guiada ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), sobre as 12:15 horas.
A colocación e descubrimento do tótem ubicado na Praza do Concello terá lugar por parte das autoridades presentes ás 14 horas e permitirá inmortalizar para a posteridade este fito na historia de Campo Lameiro de ser elixida Capital do Turismo Rural por votación popular realizada en toda España.
Ás 14:30 horas haberá un xantar popular servido pola Fuchela cun menú a 30 euros por persoa. A sobremesa deste xantar estará amenizado pola música de charangas. Para participar, os interesados deberán retirar os tickets na Casa Consistorial ata o mércores 21 de xuño.
Pola tarde, poñeranse en marcha varios obradoiros para disfrute de toda a familia que poderán participar de xeito gratuíto.
A partir das 18:30 horas comezarán as actuacións musicais previstas pola organización para conmemorar este evento no que se darán cita ademais do Grupo de Baile e Gaitas Os Coribantes de Buchabade (Ponte Caldelas) e a Banda de Música Unión Cultural de Campo Lameiro, Cantos de Taberna, Sons do Peto, de Campo Lameiro, así como o concerto da gaiteira Susana Seivane.
O peche correrá a cargo dun espectáculo nocturno baixo o título de “Galicia Terra Meiga” que levará a cabo a compañía de Queiman e Pousa.
Relacionadas:
-
Campo Lameiro recibiu un impacto valorado en case un millón de euros por ser Capital do Turismo Rural
Por Redacción |
-
Se queres comer coma un cromañón tes unha cita en Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Campo Lameiro celebra cunha xornada de festa o seu nomeamento como Capital do Turismo Rural 2023
Por Redacción |
-
Obxectivo cumprido: Campo Lameiro será a Capital do Turismo Rural 2023
Por Alejandro Espiño |
-
Últimas horas para votar a Campo Lameiro como Capital do Turismo Rural
Por Alba Feijoo Alonso |