Un emocionado Félix Juncal promete un mandato de estabilidade e centrado nas persoas
Por Anxo Lourido
Ás 12.29 horas, Félix Juncal era proclamado por sexta vez consecutiva alcalde de Bueu na sesión de investidura celebrada nun salón de plenos #abarrotado de público.
O candidato do BNG cos votos dos oito integrantes elixidos da súa lista cun total de 2.788 votos impoñíase na votación á representante do Partido Popular, Elena Estévez, que tamén se postulaba á alcaldía apoiándose nas 2.583 papeletas obtidas o 28-M.
Juncal resultaba elixido con 10 votos favorables, grazas ao apoio tamén dos dous concelleiros socialistas, fronte aos 7 dos representantes do PP na votación a man alzada que se realizaba durante a sesión.
Cun anécdotico esquecemento inicial por parte do presidente da mesa de idade á hora de entregarlle o bastón de mando, Félix Juncal Novas dirixíase aos asistentes cun discurso emocionado no que facía referencia ás persoas que confiaron na súa figura tanto nesta como en anteriores eleccións e lembrando á súa nai, falecida durante o anterior mandato, afirmando que era "un día a nivel persoal moi emocionante, de sentimentos e de lembrar as persoas que por desgraza non están aquí por primeira vez. Un é o que é na vida grazas ás persoas que lle deron a vida, o axudaron a crecer e a comportarse na vida", indicou o reelixido alcalde entre os aplausos do público que insistiu nun "agradecemento infinito" a todas as persoas que o apoiaron nestes anos.
Juncal destacou a importancia de levar vinte anos como alcalde, só interrompidos con motivo dunha moción de censura do PP en 2004, e asegurou que o compromiso se mantén intacto dentro dun movemento de "ambición colectiva" que busca o progreso social, a xustiza e a igualdade.
Apuntou que se pecha unha etapa de numerosas dificultades debido ás políticas do goberno central adoptadas en 2012 cando se prexudicou a concellos pequenos en transformación e pola pandemia que obrigou a "adaptarse a unha nova realidade". Lembrou algúns dos logros do últimos catro anos como que o Concello careza de débeda; a conversión do antigo cemiterio en parque público ou a posta en marcha da piscina municipal en 2021, entre outros.
Agradeceu aos "compañeiros socialistas" o seu apoio para ser investido con maioría absoluta; á secretaria, interventor e conserxe do municipio polo traballo desenvolvido durante estes días concluíndo dirixíndose ao público: "é fermoso ver este salón de sesións ateigado de xente", á que convidou a acudir ás próximas sesións ao longo do mandato.
A corporación municipal de Bueu queda constituída da seguinte forma:
Oito concelleiros do BNG: Félix Juncal, Xosé Leal, Laura Ogando, Carmen García, Martín Villanueva, Silvia Carballo, Ricardo Verde e Alberto Moital
Sete concelleiros do PP: Elena Estévez, Manuel Santos, María Blanco, Jesús Anxo Rodríguez, Daniel Durán, Marta Liméns e María del Carmen Núñez, que cobre o posto de Isolina Villanueva, que renunciou ao posto.
Dous concelleiros do PSOE: Isabel Quintás e Celso Dopazo, que ocupa o posto de Camilo Macenlle, quen tamén renunciou.
Relacionadas:
-
Rafa gañou, pero nada cambiou: Lores, alcalde por sétima vez
Por Alejandro Espiño |
-
Félix Juncal afronta o seu sexto mandato consecutivo en Bueu aberto a un "acordo" co PSOE
Por Manu Otero |
-
28M | Félix Juncal queda en Bueu a un concelleiro da maioría absoluta e deberá pactar para manter a Alcaldía
Por Diego Espiño |