A Illa das Esculturas prepárase para o Surfing the Lérez
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Illa das Esculturas prepárase para acoller, a partir deste xoves e ata o sábado, o festival Surfing the Lérez.
O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, supervisou este mércores os preparativos desta "romaría urbana familiar" acompañado do responsable da promotora Jack Jack, Marcos Rivas.
"É un traballo moi complexo, aquí están traballando practicamente 150 persoas, que é algo difícil de coordinar, para que mañá poidamos gozar co festival de música que temos en Pontevedra", manifestou Demetrio Gómez. Pola súa banda o Concello está a acometer traballos de limpeza nesta contorna natural.
Este ano fixéronse algúns cambios, como a zona do mercadillo que se sitúa preto das foodtrucks e da zona infantil.
"O escenario de alá cambiámolo un pouquiño, a orientación, por temas de son, e estamos buscando tamén un pouquiño máis de sombra porque vai facer calor", explicou Marcos Rivas.
A undécima edición do festival seguirá mantendo a súa esencia e será totalmente gratuíto mantendo o seu compromiso solidario con dous puntos de recollida de alimentos non perecedoiros para distribuír a través da RedeAxuda.
O cartel deste ano está formado por máis de 37 artistas, todos eles galegos. Demetrio Gómez aplaudiu este cartel "inmellorable" e Marcos Rivas apuntou que "é un pracer ter a tantas bandas galegas e tamén da cidade, que todos os músicos de Pontevedra poidan estar é algo moi importante".
O novo responsable de Festas tamén destacou que o Surfing the Lérez "recolle o espírito da cidade, aberta, participativa, colaboradora e con espazos de alta calidade que permiten facer estas actividades".
Este xoves, ás 17.30 horas, a música comezará a saír polos altofalantes do escenario ‘Vibra Mahou’ grazas ás cancións de Helena Egea. Por diante, tres xornadas de ocio, diversión e melodías.
Relacionadas:
-
Calor, música e bo ambiente para poñer o broche ao Surfing The Lérez coa súa xornada máis familiar
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Comezan tres días de música e 'Surfing' na Illa das Esculturas
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Trinta e sete concertos para un Surfing the Lérez que regresa a Pontevedra con aires renovados
Por Alejandro Espiño |
-
Surfing the Lérez segue reforzando o seu cartel: chegan Boyanka Kostova, Zeltia Irevire e LaMontagne & PicoAmperio
Por Alejandro Espiño |
-
Visi e os australianos Eggy tamén estarán no Surfing the Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
Shego, The Rapants e Adrian Timms, os primeiros artistas para o Surfing the Lérez 2023
Por Alejandro Espiño |