Os trens turísticos percorren Galicia a través de 11 rutas
O pasado mes de marzo iniciaron a súa marcha os Trens Turísticos na comunidade autónoma galega, froito da colaboración entre, a Axencia de Turismo de Galicia, RENFE e Inorde.
A primeira saída, unha das dúas novidades que se ofrecen este 2023, foi o Ruta das Camelias en Flor, con case un cheo total de prazas vendidas.
Esta modalidade de turismo que combina viaxes en tren con visitas a lugares especiais da xeografía galega leva desenvolvéndose desde 2013.
Ano tras ano, grazas á alta demanda e ocupación, os Trens Turísticos foron evolucionando para poder ofrecer un amplo abano de posibilidades turísticas aos viaxeiros.
O número de prazas ofertadas esta tempada é de máis de 2.600, cifra récord de todo o histórico desde 2013.
Este 2023, son 11 os distintos itinerarios ofertados, entre os cales se atopan dúas novidades con respecto á tempada anterior: a xa mencionada Ruta das Camelias en Flor e a Ruta Experiencia Mega e A Coruña 1906.
11 rutas para coñecer e gozar Galicia
Este 2023 os Trens Turísticos realizarán un total de 25 saídas que permitirán percorrer e descubrir distintos recunchos das catro provincias galegas.
RUTA DOS FAROS
A Ruta dos Faros levará ao viaxeiro ata Estaca de Bares, o punto máis setentrional da península Ibérica, e outros lugares singulares do litoral norte de Galicia, como son o cabo Ortegal ou os cantís de Vixía Herbeira, dos máis altos de Europa, así como o santuario de San Andrés de Teixido. Percórrense a pé as rúas do centro histórico de Viveiro. Xa de regreso visítanse os famosos cantís de Loiba. Natureza en estado puro.
RUTA DOS PAZOS E XARDÍNS HISTÓRICOS DE GALICIA
Neste roteiro descóbrense xoias botánicas recoñecidas internacionalmente como Xardíns de Excelencia. A xornada comeza coa visita do Pazo Quinteiro da Cruz e o seu xardín deseñado por un paisaxista francés, con degustación do seu té de elaboración propia. Visítase Soutomaior e o seu castelo, cun paseo polo parque que o rodea, no que sobresaen árbores singulares e camelias con nome de muller. Tras o xantar, os viaxeiros trasládanse a Vilagarcía de Arousa e percorren o xardín do Pazo de Rubiáns.
RUTA DO VIÑO RÍAS BAIXAS
Esta ruta levará ao viaxeiro ao corazón da comarca do Salnés, sub-zona da Denominación de Orixe Rías Baixas. Desde o tren pódese gozar da paisaxe da ría de Arousa antes de visitar a adega do Pazo Baión, rodeado de viñedos, e a vila de Cambados, "Capital do albariño", e o seu conxunto monumental de Fefiñáns. Pola tarde, un paseo en barco pola ría de Vigo permitirá coñecer historias de trobadores, batallas e novelas, desembarcando na fermosa illa de San Simón.
RUTA DOS VIÑOS DO RIBEIRO – RÍAS BAIXAS
Esta ruta ten por eixo o río Miño, visitando en primeiro lugar a adega Señorío de Rubiós, onde se degustarán os seus viños do Condado, sub-zona da Denominación de Orixe Rías Baixas. A viaxe continuará en Ribadavia, capital do Ribeiro, cunha visita ao Museo do Viño de Galicia, situado na reitoral de Santo André de Camporredondo. A continuación, retrocédense máis de vinte séculos no tempo no castro de San Cibrao das, un dos maiores de Galicia. A xornada finaliza visitando a estación de Santa Cruz de Arrabaldo, convertida en museo.
RUTA DO VIÑO MONTERREI
Este tren viaxará ao sueste de Galicia, visitando a Denominación de Orixe Monterrei, degustando os seus viños no monumento máis singular da comarca, o castelo de Monterrei e na adega Gargalo, situada ao pé. Despois de estar en Verín, co seu centro histórico, gozarase dun agradable paseo polas estreitas rúas de Allariz e o seu Festival Internacional de Xardíns, ás beiras do río Arnoia. Por último, haberá unha visita á estación de Baños de Molgas, reconvertida en museo e restaurante.
RUTA DA LAMPREA
Desde Pontevedra o viaxeiro achégase ata Salvaterra de Miño, onde se visita o Museo da Ciencia do Viño, situado no castelo. Máis tarde dará un paseo por Tui, o centro histórico e a súa catedral- fortaleza. Pola tarde sorprenderanse coas pesqueiras de Arbo, singulares construcións centenarias que serven para capturar a lamprea no río Miño. Visítase o centro de interpretación do viño e da lamprea "Arabo". Finalmente, os viaxeiros acudirán ao Cooperativa Condado-Paradanta nas Neves, onde degustarán requeixo, mel e viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.
RUTA DOS MOSTEIROS
Neste roteiro penetrarás no corazón de Galicia, visitando en primeiro lugar o chamado "Versalles galego", o Pazo de Oca, onde se pode gozar dun paseo polos seus espectaculares xardíns. A continuación, arte e natureza fundiranse no mosteiro de Carboeiro, situado nun fermoso recuncho do río Deza. No Carballiño visitarás o seu monumento máis singular, o templo da Vera Cruz. A xornada finalizará no mosteiro cisterciense de Oseira, coa súa impresionante sala capitular.
RUTA DOS QUEIXOS DE GALICIA
Nesta percórrense tres das catro denominacións de orixe dos queixos de Galicia. En primeiro lugar, Sobrado dos Monxes, para coñecer a Casa do Queixo, onde degustarás o queixo de tetilla e Arzúa-Ulloa. A seguinte parada será a quesería Don Crisanto, en Vilalba co seu queixo San Simón da Costa. Tras o xantar (libre) en Lugo o viaxeiro descubrirá o proxecto de ecoagroturismo de Arqueixal, en Albá (Palas de Rei) co queixo Arzúa-Ulloa como produto estrela.
RUTA DAS MARIÑAS
O tren irá desde A Coruña ata Ferrol polas Mariñas e Terras do Mandeo, Reserva da Biosfera. A primeira parada será Betanzos, unha das capitais do antigo Reino de Galicia, onde se visitará o seu centro histórico. A continuación, re realiza unha visita ás instalacións de Orballo en Paderne, que conta coa única plantación de té da Europa continental. O tren achegarase a Pontedeume, co seu torreón e ponte medieval, símbolos da vila. A xornada finalizará en Ferrol, cun paseo en barco pola súa ría, defendida polos castelos da Palma e San Felipe, e un paseo polo barrio da Madalena, do período da Ilustración.
RUTA EXPERIENCIA MEGA E A CORUÑA (NOVIDADE)
Neste tren viaxarase ata A Coruña para coñecela dunha maneira diferente. Regrésase no tempo ata 1906, da man dun guía moi especial. Nese ano nacía unha das empresas máis recoñecidas do país: Estrela Galicia. O viaxeiro terá a oportunidade de coñecer o seu museo MEGA, e vivir unha experiencia inmersiva nas súas instalacións, finalizando a visita cunha degustación de cervexa e produtos galegos. Pola tarde, en Abegondo descubriranse dous dos elementos básicos para a elaboración da cervexa: a auga do encoro de Cecebre e o lúpulo, cultivo que está en pleno proceso de recuperación e expansión nesta comarca das Mariñas.
RUTA DA CAMELIA EN FLOR (NOVIDADE)
A camelia foi a protagonista no mes de marzo desta ruta. Visitáronse tres xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional. En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, un verxel no corazón do Salnés. Nel florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades, entre elas a sinensis, a partir da cal elaboran o seu propio té, que o viaxeiro poderá degustar. A continuación, no castelo de Soutomaior coñecerase o seu xardín de camelias con nomes de muller: Rosalía de Castro, María Casares ou a Bella Otero. Finalmente, visitarase o Pazo de Rubiáns, cuxos xardíns naceron no s XVII e ao que se foron incorporando magnolios, criptomerias ou araucarias. Conta con máis de 800 variedades de camelias e unha leira de albariño, veu que se degustou ao acabar a visita.
O BILLETE MANTÉN O SEU PREZO DESDE 2019
Os prezos para estes trens mantéñense desde 2019: 45 euros adulto e 20 euros neno por ruta. A reserva e compra dos billetes pódese realizar nos despachos de billetes de calquera estación de Renfe, na web www.renfe.es e en axencias de viaxe concertadas con Renfe.
Ademais, os usuarios destes trens, poden beneficiarse do "Galicia Rail Pass", un abono para percorrer a comunidade durante tres días consecutivos. As condicións poden consultarse en renfe.com.