Comeza o verán con días de praia ao agardarse temperaturas de máis de 30 graos na fin de semana
Por Anxo Lourido
Dous minutos antes das 17.00 horas do mércores 21 chegaba o verán e con el a influencia anticiclónica a Galicia. Desta forma, este xoves 22 preséntase con ceos con intervalos de nubes e claros en xeral na comunidade autónoma, máis despexados en toda a zona sur. As temperaturas moveranse entre os 13 e os 28 graos nas Rías Baixas, con ventos que soprarán de compoñente norte, frouxos en xeral e moderados na costa atlántica, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia.
Durante o venres 23, a noite de San Xoán celebrarase con ceos despexados na provincia de Pontevedra. As altas presións ao norte da Península mantéñense e espérase un día de tempo seco con temperaturas que oscilarán entre mínimas de 13 e máximas de 29 graos. O vento soprará do nordés, frouxo en terra e con intervalos moderados no litoral da Coruña.
Coa chegada do sábado, as temperaturas incrementaranse ata alcanzar mínimas de 17 e máximas de 31 graos, debido ás altas presións ao norte da Península e a intensidade da chegada de aire cálido procedente do norte de África. O vento soprará frouxo de dirección variable.
A situación manterase o domingo e durante o inicio da próxima semana, coa influencia das altas presións en Galicia e predominio de tempo seco. As temperaturas seguirán sendo altas para esta época do ano movéndose entre os 18 e os 31 graos.
Relacionadas:
-
Cheo absoluto nas praias nunha calorosa primeira fin de semana de verán
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Concedidos 231 permisos para a celebración das fogueiras de San Xoán en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Chegou o verán, empezan as vacacións escolares!
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Primeiro cheo da tempada na illa de Ons
Por Redacción |