Excarceran a condutora dun turismo que impactou contra unha furgoneta en Vilagarcía
Por Redacción
Unha muller resultaba ferida debido ao impacto frontal que sufría contra unha furgoneta na tarde do mércores 21 cando circulaba pola Vía Rápida do Salnés ao seu paso pola parroquia de Sobrán, á altura da saída de Renza.
A condutora do turismo, segundo informa o 112 Galicia, tivo que ser liberada por efectivos do servizo de Emerxencias de Vilagarcía, debido a que a porta do vehículo quedou bloqueada tras o accidente. Os servizos sanitarios encargáronse de atender ás dúas persoas implicadas na colisión, que se producía no quilómetro 7 da VG-4.3 ao redor das 15.00 horas.
A muller foi trasladada ao Hospital do Salnés para comprobar a gravidade das feridas ocasionadas.
No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061; a Garda Civil de Tráfico; o servizo de Emerxencias de Vilagarcía; a Policía Local; voluntariado de Protección Civil e os servizos de mantemento da estrada, que se ocuparon de limpar os restos dos vehículos que quedaron na vía.
Foi necesario cortar o tráfico neste tramo durante o tempo no que os servizos de emerxencia liberaron á muller do interior do turismo.