Comeza por Campelo a posta a punto de todas as praias de Poio
Por Oskar Viéitez
O Concello de Poio inicia os traballos para poñer a punto as praias do municipio. Unha brigada de operarios municipais está ocupándose de mellorar os accesos e limpar os areais de todo o litoral.
Xa comezaron na Praia do Norte, en Campelo, e nos próximos días percorrerán o resto de praias de Poio. Naquelas nas que haxa alguna dificultade para chegar coa maquinaria, como por exemplo na praia de Xiorto, en Raxó, nas que as obras de Ramón Encinas impiden o acceso, a limpeza farase de xeito manual.
Ademais da limpeza dos areais e da mellora dos accesos, este plan de posta a punto inclúe tamén a colocación de duchas, que este verán se recuperan nas praias habituais. Desde o Goberno local apelan ao uso responsable da auga por parte dos bañistas.
Na saída das praias colocaranse tamén contedores de recollida selectiva de vertidos orgánicos e de plástico, para facilitar que cada usuario xestione os seus propios residuos de forma responsable, tanto para garantir a limpeza da praia como para, principalmente, preservar o medio ambiente e evitar que o lixo chegue ao mar.
Tamén nos vindeiros días iranse colocando os baños portátiles e, de xeito progresivo, poranse en marcha todos os servizos municipais para a tempada de verán.
O alcalde Ángel Moldes agradece a implicación dos traballadores municipais, que son os que están acometendo todo este plan de posta a punto das praias.
Moldes insistiu en que non se poden contratar empresas externas que fagan estes traballos porque as partidas municipais do orzamento están esgotadas pola xestión do anterior goberno local e, por iso, "houbo que esperar a que as festas do San Xoán estivesen totalmente encamiñadas para, a continuación, comezar coa posta a punto dos areais".
RECOLLIDA DE LIXO
Desde o Goberno local tamén manterán nos próximos días unha reunión coa empresa adxudicataria da recollida de lixo no municipio, Valoriza, para solucionar as principais problemáticas e queixas que denuncia a veciñanza.
Ademais, segundo indica Moldes, será necesario facer un reforzo nas zonas máis turísticas e nas que estes meses se incrementa de xeito importante a poboación, así como nas saídas das praias.
Relacionadas:
-
Concello e Xunta colaboran para reformar e mellorar a visibilidade do miradoiro da Fronteira, en Raxó
Por Redacción |
-
O BNG solicita que se acondicione o acceso da praia do Laño
Por Oskar Viéitez |
-
As praias de Poio recuperan as papeleiras, as duchas e os lavapés
Por Redacción |
-
Poio e A Illa reciben as súas bandeiras azuis
Por Redacción |
-
Entrega de medallas, homenaxe a Nito, pregón e chupinazo por San Xoán
Por Oskar Viéitez |
-
Así é o reparto de áreas de xestión entre os concelleiros de Poio
Por Oskar Viéitez |