O Cristo da Boa Viaxe vaise de vacacións de verán
Por Redacción
O Cristo da Boa Viaxe, unha das imaxes relixiosas máis icónicas da zona monumental de Pontevedra, vaise de vacacións de verán este mes de xullo e volverá como novo en agosto, listo para a celebración das festas patronais de Santa María e San Roque.
Esta talla policromada, tallada sobre madeira de castiñeiro e pintada ao óleo con veladuras, someterase a unha restauración e limpeza ao atoparse bastante danado ao estar á intemperie, a mercé dos cambios de temperatura e humidade, e as agresións sufridas nos anos 1996 e 2000.
A policromía da figura perdeuse ou gretado, ten fungos na capa de preparación e algunhas capas pictóricas mostran unha coloración azul-verdosa que tratarán de corrixir mediante esta intervención, a cargo de Marta Díaz, de BIC Materiais e Conservación S. L., que durante a mañá deste venres procedeu a retirar a talla.
A intervención consistirá en someter ao Cristo a un shock térmico, para eliminar a presenza de xilófagos. Despois realizarán un estudo a través de luz ultravioleta, para detectar posibles repintes anteriores e, a poder ser, a capa de pintura orixinal. Tras unha limpeza inicial de po e sucidade superficial, fixarán a pintura mediante papel xaponés e cola de coello, para evitar novas perdas. Tamén eliminarán os estucados e reintegracións de intervencións anteriores que estean en mal estado; retirarán a capa de protección desigual; e estucarán e reintegrarán as lagoas cromáticas e perdas volumétricas.
O ferro oxidado, nos cravos, lixarano e limparán con acetona, transformando os óxidos nunha pátina estable, para recubrilos despois con resina acrílica e cera microcristalina e, para terminar, toda a peza protexerana con vernices naturais.
Para estes traballos estiman desde a comunidade parroquial que se realizará un desembolso económico de 5.000 euros, estarán completados no prazo dun mes e o Cristo estará de regreso no mes de agosto, preparado para a celebración das festas patronais de Santa María e San Roque.
Agradecen a xenerosidade de todas aquelas persoas que, cos seus donativos, recollidos ao longo dos dous últimos anos, fixeron posible esta restauración do Cristo da Boa Viaxe e indican aínda están a recoller ofrendas, por se algunha persoa quixese contribuír economicamente con este proxecto, xa que aínda non se alcanzou a totalidade do importe.