O enfrontamento político comeza en Poio dende o Pleno de organización da nova Corporación
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Dende o primeiro momento os grupos municipais do Partido Popular e do Partido Socialista no Concello de Poio manteñen as súas espadas en alto anticipando que este mandato o enfrontamento político vai ser unha constante entre o grupo do goberno e a principal formación da oposición.
Así o volveron demostrar este luns no Pleno de organización da nova Corporación.
Pola súa banda, a voceira do grupo popular, Rocío Cochón, puxo en valor hoxe que, "tal e como se comprometeron cos veciños, Poio conta cun único Goberno, cun único alcalde, cun proxecto claro e que contará cun investimento centrado en dar resposta á cidadanía e non aos intereses do Tripartito".
Nesta sesión plenaria as retribucións do alcalde e dos concelleiros foron aprobadas cos votos a favor do Partido Popular, mentras que o PSdeG-PSOE votou en contra e o BNG se abstivo.
Os socialistas acusaron ao alcalde Ángel Moldes de "aprobar ás agochadas" a súa dedicación exclusiva de 41.000 euros, "a máis alta cobrada nunca por un rexedor en Poio, e que, ademais, compatibiliza coa súa actividade privada".
"Un alcalde que cobrará por tres", sentenciou o Partido Socialista, que lembrou que tamén haberá outra dedicación exclusiva de preto de 39.000 euros para o edil de Servizos, ademais outra dedicación ao 70% (27.000 euros) para a edil de Turismo e Urbanismo, e dúas medias de case 20.000 euros.
"Todo isto, sumando as asignacións correspondentes para concelleiros do PP que asistirán aos órganos colexiados", afirmaron.
"Estas retribucións son incoherentes co discurso do PP na oposición durante moito tempo onde tiñamos que escoitar o excesivo coste do goberno anterior, levamos moitos anos escoitando a falacia dos tres alcaldes, do coste que tiña para os veciños manter o goberno, e resulta que agora se aproban unhas cuantías económicas en soldos igual ao anterior e un coste do goberno moi superior, tendo en conta que practicamente tódolos membros da xunta de goberno cobrarán por asistencias", argumentou o voceiro do PSOE, Gregorio Agís.
Rocío Cochón subliñou que "o propio informe de intervención é claro ao indicar que este Goberno é máis barato que o do último mandato" polo que concluiu que "ante esta afirmación dun informe que teñen todos os grupos políticos, dicir o contrario é totalmente falso. Os socialistas deberían ter aprendido a lección das últimas eleccións municipais co castigo que lle deron os veciños por, entre outras moitas cuestións, intentar mentir e manipular á cidadanía”.
A popular insistíu en que "o Goberno máis caro para os veciños de Poio foi o do último mandato co Tripartito en todos os sentidos: en soldos, en asesores, en débeda pero, sobre todo, en oportunidades perdidas para o concello".
NON HOUBO RETRANSMISIÓN
Pero, ademáis, os socialistas denunciaron que o Concello non retransmitiu o Pleno extraordinario no que se aproban as dedicacións "incumprindo un acordo plenario".
O PSdeG-PSOE cargou contra "o obscurantismo do novo Goberno local", toda vez que o Concello non retransmitiu a sesión plenaria a través da canle de YouTube.
"O señor Moldes é consciente da incongruencia que el mesmo provocou, falando durante semanas de penurias económicas e poñéndose o mellor soldo da nosa historia, e por iso preferiu que o Pleno fose en 'petit comite'", criticou o voceiro socialista, Gregorio Agís. "No contrato coa empresa establécese a retransmision de duas sesions extraordinarias. Se o PP se vai excusar en que só se retransmiten os ordinarios é rotundamente falso. E a proba é que o Pleno de investidura si se retransmitiu", engadiu.
Por último, Cochón explicou que "eles fixeron o contrato, eles deberían coñecer cal é o contido do que asinaron e decidiron, así que o resto é simplemente facer ruído. O Goberno actual ten que respectar as condicións dos contratos que xa estaban asinados e pechados con anterioridade".
Relacionadas:
-
En Poio, populares e socialistas acúsanse mutuamente de mentir
Por Oskar Viéitez |
-
Poio ten unha débeda de 8 millóns con bancos e outro millón en facturas sen pagar, segundo o alcalde Ángel Moldes
Por Manu Otero |
-
Encontro coa militancia do PSOE para "superar o listón do 30% do voto en Pontevedra"
Por Redacción |
-
Habilitan 150 prazas de aparcamento no porto de Combarro e implantan a zona azul no paseo das Redeiras
Por Oskar Viéitez |
-
Moldes asegura que o goberno local de Poio "é máis barato que o anterior e reforza o papel dun único alcalde"
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE recorda a Moldes "os millóns de euros acadados por Agís" durante o seu goberno para impulsar proxectos en Poio
Por Redacción |