Poio ten unha débeda de 8 millóns con bancos e outro millón en facturas sen pagar, segundo o alcalde Ángel Moldes
Por Manu Otero
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, ofreceu este venres os primeiros datos da auditoría interna á que foron sometidas as contas do Concello. Un estudo que desvela unha débeda de oito millóns de euros con entidades bancarias, así como preto dun millón de euros en facturas pendentes de pago.
"Poio é o Concello con máis débeda de toda a provincia, preocúpanos moito", declarou o rexedor popular que se comprometeu durante a campaña electoral e despois da súa investidura a facer público o estado das contas municipais.
Con respecto ao orzamento deste ano, afirma Moldes que "a maioría das partidas deste ano están case esgotadas". Con todo, tranquiliza aos traballadores municipais puntualizando que o pago de nóminas e gastos de combustibles está asegurado ata final de ano.
Con todo, máis difícil terán os funcionarios e traballadores do Concello cobrar as horas extras realizadas durante, por exemplo, a organización das pasadas festas de San Xoán. "A partida de horas extra está esgotada", confesa Moldes, quen agradece o compromiso dos traballadores que nunca se negaron a cumprir coas necesidades do Concello. "Os funcionarios están a traballar igual, con total compromiso. Agradézoo. Cobraranas cando teñamos unha partida económica", comprométese o mandatario popular.
Despois de remarcar que a partida para gastos correntes está esgotada e que a débeda con provedores e empresas que prestan os seus servizos ao Concello podería seguir aumentando, Moldes afeou ao anterior goberno que fale da existencia de 3,2 millóns nas contas municipais. Unha cantidade que, puntualizou Moldes, será destinada a pagar as nóminas dos traballadores e outros gastos imprescindibles para o funcionamento do Concello. "Pídolles responsabilidade e que non falten ao respecto ás persoas que están sufrindo o problema que eles deixaron", esixe o alcalde.
Unha vez aclarada a situación financeira do Concello, o novo equipo de goberno, en colaboración cos funcionarios de todas as áreas, estudarán a fondo o orzamento municipal co obxectivo de reconfigurar algunhas partidas para obter liquidez coa que afrontar os proxectos pendentes ata final de ano. "Acabar o ano cun orzamento esgotado é unha situación compleza e delicada. Queremos solucionar todo isto da mellor maneira posible, pero é unha problemática que compromete a situación inmediata do noso Concello", concluíu Moldes reiterando o agradecemento do seu executivo aos provedores e funcionarios por seguir traballando con comprimiso co Concello de Poio.
Relacionadas:
-
O Goberno local de Poio aprobará unha modificación de crédito de 89.168 euros
Por Oskar Viéitez |
-
"Descontrol" no Concello de Poio con 300.000 euros sen pagar por "contratacións verbais e a dedo" do goberno anterior
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG de Poio critica que o alcalde Moldes "agóchase tras a débeda pública como escusa para non cumplir as súas promesas electorais"
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE de Poio defende que o Concello está "totalmente saneado" e acusa o alcalde de "embustes e manipulacións"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Poio aprobará unha modificación de crédito para garantir a rehabilitación do Centro Social de Arén
Por Redacción |
-
Rueda pon de exemplo a Poio e á Deputación de Pontevedra do cambio político que agarda en España
Por Redacción |
-
O enfrontamento político comeza en Poio dende o Pleno de organización da nova Corporación
Por Oskar Viéitez |
-
Moldes asegura que o goberno local de Poio "é máis barato que o anterior e reforza o papel dun único alcalde"
Por Oskar Viéitez |