"Descontrol" no Concello de Poio con 300.000 euros sen pagar por "contratacións verbais e a dedo" do goberno anterior
Por Oskar Viéitez
O Goberno local de Poio está revisando cada unha das facturas do "preto de millón de euros que o Tripartito deixou sen pagar", e aseguran que "moitas delas, case 300.000 mil euros, corresponden a obras que se fixeron sen control nin coñecemento dos técnicos municipais".
Así, segundo explican desde o Goberno local, "moitas destas obras foron feitas co compromiso entre concelleiros e empresarios, sen ningún tipo de coñecemento do persoal municipal, polo que agora son incapaces de identificar as obras e confirmar si están feitas de acordo aos prezos que marca o mercado".
O alcalde, Ángel Moldes, sinala que "hai moitos datos confusos, xa que moitas destas facturas corresponden a contratacións verbais que non contan con ningún tipo de documento oficial que acredite estas adxudicacións que, ademais, fixeron a dedo".
Por iso, lamenta que moitas das empresas están afincadas no Porriño, "unha mágoa con todas as empresas e autónomos que temos en Poio e que poderían ter prestado un servizo de calidade si se lle dese oportunidade".
Como exemplos, indican que hai facturas que ascenden a 10.000 euros para o escenario da carpa de Nadal, "cando se pode contratar por unha décima parte dese custo", ou que hai facturas de obras nas que o Concello de Poio tería que abonar o material a unha empresa, a man de obra a outra e incluso compraron pedras a unha terceira firma.
"Un descontrol que, ademais, vése agravado porque deixaron a obra a medio facer, con muros cunha altura insuficiente para garantir a contención do terreo", engade.
Por iso, Moldes reitera que o compromiso do novo Goberno é revisar factura a factura, comprobar que os traballos están feitos e non teñen ningún tipo de problema e que, ademais, os prezo se axustan aos do mercado. "Queremos ser responsables e transparentes, este Goberno vai ser claro en todo momento coa situación do Concello de Poio. Faremos máis con menos, seremos un Goberno eficiente".
Moldes tamén dixo que "estas son as consecuencias dos tres gobernos que houbo neste concello nos últimos anos, que gastaron sen ningún tipo de control nin responsabilidade, e deixaron máis de un millón de facturas sen pagar, oito millóns de débeda nos bancos e un orzamento esgotado".
Por iso, volveu a pedir "máis responsabilidade nas declaracións dos tres ex alcaldes" porque "estanlle faltando ao respecto a moitos autónomos que levan anos esperando para cobrar, como poden ser os técnicos que realizaron o proxecto de Tambo".
Relacionadas:
-
Poio aprobará dúas modificacións de crédito para pagar a primeira remesa do millón de euros que debe o Concello
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG de Poio critica que o alcalde Moldes "agóchase tras a débeda pública como escusa para non cumplir as súas promesas electorais"
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE de Poio defende que o Concello está "totalmente saneado" e acusa o alcalde de "embustes e manipulacións"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Poio ten unha débeda de 8 millóns con bancos e outro millón en facturas sen pagar, segundo o alcalde Ángel Moldes
Por Manu Otero |