Reorganización do goberno de Jorge Cubela con críticas socialistas polas tres dedicacións exclusivas
Por Anxo Lourido
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, presentaba no pleno organizativo da Corporación Municipal o novo modelo de xestión para este mandato co mantemento de dúas tenencias de Alcaldía, que permitirán dispoñer de maior dinamismo, segundo indica o goberno local.
Fernando Vázquez e Lourdes Ovelleiro serán os dous concelleiros que continúen exercendo eses postos, como xa viña sucedendo antes dos últimos comicios. Ao mesmo tempo, a dedicación exclusiva será tanto para o alcalde e os dous tenentes de alcalde.
Cubela sinala que a boa situación económica do Concello, sen débeda, e as obrigas que requiren os novos servizos municipais provocan que se adoptara esta decisión.
Indica que o custo do equipo de goberno redúcese a 86.900 euros cun gasto anual bruto de 46.900 euros para Jorge Cubela. O cargo de Fernando Vázquez alcanzará os 40.000 euros brutos. En canto, a Lourdes Ovelleiro o custo para o erario público será similar, 46.000 euros brutos, ao que tiña como funcionaria municipal, indican desde o goberno local.
O alcalde xustifica esta decisión na necesidade de organizar e supervisar para que funcionen novos servizos e infraestruturas con presenza permanente das persoas encargadas da xestión do municipio.
CRÍTICAS SOCIALISTAS
Desde a agrupación socialista de Cerdedo-Cotobade critica esas tres dedicacións exclusivas ao entender que supoñerán un gasto de máis de 180.000 euros para as arcas municipais.
Indican que aos salarios asignados para os tres integrantes do goberno local hai que sumar a seguridade social e os trienios que perciben.
Lembran que nos orzamentos de 2023 aprobouse un salario bruto para o alcalde e para a concelleira Lourdes Ovelleiro de máis de 42.000 euros. Lamentan que, seis meses máis tarde, o alcalde aumente o seu salario e da concelleira noutros 4.000 euros máis, indicando que o importe máximo das dedicacións exclusivas nos concellos desta poboación alcanza os 47.759 euros e, por este motivo, sinalan que non é posible unha subida maior.
Ana Couto, portavoz socialista, alerta de que Cubela ao chegar á alcaldía asegurou que o seu mandato só habería unha dedicación exclusiva, promesa incumprida no anterior mandato, expón esta representante na oposición. Considera que hai moitas actuacións máis prioritarias nas que investir o diñeiro municipal.
Relacionadas:
-
Jorge Cubela alza o bastón de mando por cuarta vez, cheo de "ilusión", "compromiso" e "responsabilidade"
Por Redacción |
-
Jorge Cubela, tras ampliar a súa maioría: "Os veciños devolvéronnos todo o traballo destes anos"
Por Alejandro Espiño |
-
28M | Jorge Cubela reforza a súa maioría en Cerdedo-Cotobade á conta da caída do PSOE
Por Natalia Puga |