Unha moza de 19 anos, trasladada ao hospital tras envorcar o seu vehículo en Portas
Por Redacción
Unha moza de 19 anos resultou ferida de madrugada e tivo que ser trasladada ao Hospital Montecelo de Pontevedra para recibir asistencia despois de verse implicada nun accidente de tráfico en Portas.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, varios particulares informaron deste accidente dez minutos despois da unha da madrugada.
O coche no que viaxaba esta muller saíuse da vía e envorcou. Quedou ocupando o carril contrario de circulación no quilómetro 5 da EP-8004, en Lantaño, e a condutora parecía incapaz de saír polos seus propios medios.
Segundo un dos alertadores, a persoa non respondía nun primeiro momento aos seus intentos de contactar con ela.
Os xestores do 112 solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ribadumia, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local de Caldas de Reis e das Agrupacións de Protección Civil de Portas e de Cuntis.
Cando chegaron ao punto, os responsables de Protección Civil de Cuntis precisaron ao 112 que a persoa non necesitaba ser excarcerada, aínda que a magnitude do impacto requiriu da actuación dos Bombeiros para a retirada da ferida.
A muller foi atendida no lugar do accidente e logo trasladada polos servizos sanitarios ao Hospital Montecelo, segundo a información facilitada por Protección Civil de Cuntis.
Os operarios de conservación da estrada encargáronse de restablecer as condicións de seguridade da vía.