Quince días e unha noite de traballo para crear a espectacular alfombra do Carme en Bueu
Por María José Pita
Despois de quince días de traballo intenso, a Asociación Cunchas e Flores de Bueu toma uns días de descanso coa satisfacción do traballo ben feito.
O Día do Carme do pasado domingo foi unha xornada emocionante na que os membros da asociación recibiron os parabéns de numerosos veciños e visitantes, que acudiron á vila para vivir a festa mariñeira.
No porto de Bueu, por detrás da Lonxa, confeccionáronse dúas alfombras. Unha delas obra da Asociación Cunchas e Flores da localidade, e a outra de Burela Floral, unha asociación da Mariña Lucense que fai intercambios cos artesáns de Bueu.
Precisamente, unha representación bueuense estará o vindeiro mes de agosto en Burela axudando coas alfombras con motivo da Festa do Bonito. Nas dúas, participaron ademais alfombristas da Estrada.
Segundo publicaba a Federación de Asociacións de Alfombristas Galegos de Arte Efémera na súa páxina oficial, foron un total de 40 alfombristas, que traballaron con 90 cores e 70 texturas diferentes.
Falamos cunha histórica alfombrista e integrante da Cunchas e Flores, Mary Rodríguez, herdeira dunha longa tradición e unha das mans que deu vida ás espectaculares alfombras de Bueu.
Comenta Mary Rodríguez que o sábado 15, a véspera do Día do Carme, empezaron o traballo ás cinco da tarde "pegando con cola a plantilla no chan, o que é o debuxo" e que remataron a tarefa contra as tres da madrugada.
A parte central do tapiz "foi prefeito, que senón non da tempo, levou quince días a deshoras de traballo diarias, catro persoas, houbo días de once horas, días de oito..." sinala a alfombrista. O resultado foi unha obra que "parece unha postal".
Mary Rodríguez explica que para acadar esta perfección "o debuxo central foi feito a man cun aparatiño que usan os lamas, parece como un embudo, e vanse facendo puntitos, por iso a xente ao miralo alucinou, pero claro, hai que saber e ter paciencia".
O labor de Mary e as máis de vinte persoas que desde a Asociación Cunchas e Flores foron rotando durante a tarde do sábado e madrugada do domingo foi completar a composición final. Axeonlladas inicialmente e horas despois buscando a postura para completar a tarefa. "Tes que estar con rodilleras, logo xa collín unha postura que me facía máis xeito".
Todas elas tiraron de oficio. "Teño 67 anos e levo dende nena facendo porque mamá xa facía alfombras e logo cando casei miña sogra tamén facía a alfombra", apunta Mary, a quen romper a cadeira en tres ocasións, unha o peroné e catro veces os nocellos "por andar no monte a coller semillas" non poden detela.
O traballo desta alfombrista e os seus compañeiros remataba o domingo, cando despois da chamada "misa de campaña" na Lonxa a Virxe do Carme saía a ombros dos mariñeiros e pisaba por riba da alfombra ao redor das sete da tarde. "Por riba solo ten que pasar a Virxe, non se permite que a pise nadie", puntualiza Mary.
Nese tempo houbo tamén unha lembranza para os que xa non están. "Cando levan á Virxe polo mar é un pouquiño triste porque ao que máis e ao que menos faltoulle alguén no mar, e cando botas as flores pensas naquela persoa que che quedou no mar".
No caso de Mary, ao seu home morreulle un irmán con 32 anos nun naufraxio no que faleceron 23 persoas. "En todos os portos por desgracia hai moito disto e sempre emociona moitísimo". Por iso, aínda que todos os anos pensa que esta será a última alfombra, malia a dor nas articulacións, o cansazo e as maniotas, Mary e os seus compañeiros de Cunchas e Flores xa están a pensar no próximo proxecto.