Pontevedra prevé elevar o seu orzamento ata os 114,8 millóns de euros
Por Alejandro Espiño
Unha nova modificación de crédito, que ascende ata os 7,66 millóns, elevará o orzamento municipal de Pontevedra para 2023 ata os 114,8 millóns. Así o anunciaron este xoves o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Facenda, Raimundo González.
Esta incorporación, segundo Fernández Lores, "é posible pola boa saúde económica" da administración municipal, que asumirá esta modificación con cargo aos seus remanentes "e sen agotalos aínda". Servirá, engadiu o rexedor, para darlle un "novo impulso" a este mandato.
A principal partida, máis de tres millóns de euros, será para investimentos; mentres que 2,9 millóns será para actividades de promoción económica, deportes, cultura ou festas e outro millón para sufragar o incremento dos prezos pola inflación ou o custo de electricidade e carburantes.
Dentro dos investimentos haberá diñeiro para actuacións de accesibilidade urbana e rural, entre elas, os accesos aos núcleos de Ramallás e Cacheiro, diversas melloras en parques e xardíns de toda a cidade ou unha partida para elaborar os proxectos que financian os fondos europeos.
Outra das grandes áreas, preto do 25% desta modificación segundo o alcalde, está relacionada co deporte e a "decisión política" de promocionar a cidade a través dos grandes eventos. Haberá ademais unha parte reservada para seguir poñendo ao día as subvencións dos clubs.
Ademais, a modificación deberá cubrir tamén obras en marcha que non tiñan crédito suficiente ou compensar o incremento do custo dalgunhas reformas en equipamentos ou espazos públicos como o Centro Sur, por poñer só un exemplo.
Un total de 900.000 euros serán para actividades culturais e festivas, en parte para a programación das Festas de Verán ou da próxima Feira Franca.
Pontevedra, que iniciou o ano cun orzamento prorrogado de 74.232.000 euros, alcanzará con esta modificación e a incorporación de crédito realizada nos últimos meses unhas contas de 114.820.635 euros. "E é posible que se fagan máis modificacións importantes", segundo Lores.
Este asunto tratarase no primeiro pleno ordinario do novo mandato que, previsiblemente, celebrarase o luns 31 de xullo. Para aprobala, o BNG necesita o apoio do seu ex socio de goberno, o PSdeG-PSOE de Iván Puentes, ou a abstención do PP.
Para o alcalde, os socialistas son o seu "socio prioritario" e con eles hai un "contacto permanente". A este respecto, defendeu que fixeron achegas a este documento "que se recolleron maioritariamente", xa que se corresponden con áreas que eles xestionaban.
"Agardo que si", sostivo o rexedor pontevedrés, preguntado se confía no apoio dos socialistas no pleno, insistindo que esta modificación "está negociada con eles".
Relacionadas:
-
Baixar o IBI un 10%, primeira proposta de Domínguez para impulsar unha rebaixa fiscal
Por Alejandro Espiño |
-
BNG e PSOE pactan unha modificación de crédito para o tríatlon e proxectos de Pontevedra Flúe
Por Manu Otero |
-
Adeus a todas as cabinas telefónicas da cidade
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Lores asume a portavocía dun goberno con "cambios profundos e revolucionarios"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Pontevedra incorpora 23,3 millóns de remanentes ao seu orzamento para abordar novos proxectos
Por Alejandro Espiño |