Adeus a todas as cabinas telefónicas da cidade
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou este venres que retirarán todas as cabinas telefónicas da cidade que están en desuso, tal e como se aprobou na Xunta de Goberno.
"É un tema que nos preocupa moito", indicou o rexedor. "Cremos que a imaxe que se está dando desas cabinas é unha imaxe que non corresponde cunha cidade na que o espazo público é unha prioridade", polo que "desde xa" procederán á retirada das 23 cabinas de Telefónica e das 6 de R e así continuar coa "mellora do mantemento do espazo público como espazo de convivencia".
Neste último caso, Lores explicou que tamén son centros de acceso rápido a internet e son imprescindibles para os cidadáns. É por iso que "estamos en conversas con R para que a cabina se retire e se fagan os centros de acceso a internet cun modelo menos voluminoso e sexa compatible coa alta calidade urbana que ten Pontevedra".
As cabinas que se retirarán son as seguintes: as tres de Eduardo Pondal, as dúas situadas nas rúas García Camba e Praza de Barcelos e as da rúa Maestranza, Gutiérrez Mellado, Andrés Mellado, Praza de Galicia, Praza de Campolongo, Conde Bugallal, Frei Juan Navarrete ou San Antoniño.
En Augusto García Sánchez, Avenida das Corbaceiras, Rúa Portugal, Padre Fernando Olmedo, Juan Bautista Andrade, Praza de Ourense, Praza de Curros Enríquez e na contorna do Mercado tamén se eliminarán as existentes.
Finalmente, o rexedor explicou que na Xunta de Goberno tamén incluíron a necesidade de darlle "unha maior reponsabilidade á Xunta de Goberno" e decidiron que "os directores xerais e, nalgúns casos, a coordinadora de alcaldía, asistan ás xuntas de goberno e facer un seguimento específico dos temas que consideremos de prioridade".
Relacionadas:
-
Pontevedra 'líbrase' dos valados das obras xa rematadas
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra prevé elevar o seu orzamento ata os 114,8 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Primeiro paso para a futura 'mudanza' de Zara a Michelena
Por Alejandro Espiño |
-
Trasladar Zara de Benito Corbal a Michelena, entre os plans de Inditex para Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Domínguez propón un estudo de modificación do Peprica e multas ás pintadas para reactivar o centro histórico
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
Os danos nunha cabina telefónica do casco histórico reabren o debate sobre a súa retirada
Por Redacción |