Da Silva apela ao voto "de quen quere o mellor para Galicia" para arrebatarlle un escano ao PP
Por Redacción & Cristina Saiz
Todo apunta, segundo a candidata do BNG ao Congreso, Carme da Silva, a que na provincia de Pontevedra "xógase un escano entre PP e BNG". De aí que apelara ao voto aos nacionalistas, neste último día de campaña, "de quen quere o mellor para Galicia".
No marco dun vermú no Campiño de Santa María con afiliados e cargos orgánicos do BNG, entre eles o alcalde de Pontevedra, Da Silva reiterou que este domingo "hai que votar con orgullo e cabeza alta na defensa de Galicia e das maiorías".
"O BNG é a opción de país, das persoas inconformistas, ecoloxistas e rebeldes, feministas que lle queren a esta terra e confían nas súas posibilidades", subliñou a candidata nacionalista, que engadiu que o seu partido é ademais "garantía de menos dereita".
Visiblemente "moi ilusionada e moito máis emocionada", a candidata ao Congreso destacou que o BNG "ten na man conseguir o grupo galego forte que o país necesita", recordando que nesta campaña electoral "de Galicia só falou o BNG".
A pesar do traballo realizado pola militancia "cunha campaña de rúa e non a dos que falan pola televisión, que non falan das cousas que nos importan aos galegos e galegas", Da Silva pediu un esforzo final de cara ás eleccións deste domingo "para traballar polo que precisa este país".
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recoñeceu ter o corazón e a cabeza dividido porque Pontevedra vai perder unha gran concelleira, "alguén especial, que ten o concello metido na cabeza e unha clarividencia política importantísima que fai moita falta".
"Vai a ser unha grande deputada en Madrid", sostivo Fernández Lores, que chamou a "non deixar que quede na casa ningunha persoa que lle queira a este país e lle queira a Pontevedra e lle queira ao BNG" para lograr uns resultados "espléndidos" nas eleccións do domingo.
Relacionadas:
-
Pontón augura que Pontevedra "perderá unha gran concelleira pero gañará unha grandísima deputada"
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG reclama que Galicia defina a súas infraestruturas e que "non se pensen desde Madrid"
Por Alejandro Espiño |
-
Carme da Silva propón frear o "timo verde" dos proxectos eólicos cun grupo galego forte no Congreso
Por Redacción |