Pontón augura que Pontevedra "perderá unha gran concelleira pero gañará unha grandísima deputada"
Por Alejandro Espiño
O BNG acadará nestas eleccións xerais do próximo domingo unha maior representación no Congreso e iso pasará, irremediablemente, por obter un escano por Pontevedra. Así o sostivo a súa portavoz nacional, Ana Pontón, nun mitin celebrado no Teatro Principal.
"En Pontevedra perdedes unha gran concelleira pero ides ganar unha grandísima deputada", dixo Pontón en referencia a Carme da Silva, que formará parte dun grupo "orgullosamente galego" que aglutinará o voto "rebelde, inconformista e de país".
Na súa intervención, a dirixente nacionalista situou ao BNG como a "verdadeira alternativa" en Galicia ao PP e defendeu que "cada escano máis para nós e un menos para Feijóo".
Advertiu que este 23X Galicia xógase facerse valer en Madrid e ter peso político no Estado, "unha voz forte e potente que lle permita defender os seus intereses alí onde se toman as decisións que nos afectan directamente", para o que agarda obter deputados polas catro provincias.
Un grupo do BNG é a "única forza coas mans libres para defender as causas galegas" dende o traslado de Ence da ría de Pontevedra, un tren do século XXI, unha tarifa eléctrica galega, políticas que creen industria, investimentos xustos ou xulgados de violencia de xénero.
Pontón destacou ademais o dobre valor que ten a papeleta BNG, para defender o país e como garante dos dereitos e liberdades, "ameazados polo PP ultra de Feijóo de ganchete coa extrema dereita antigalega que quere arrebatarnos ata a lingua que falamos".
Carme da Silva, pola súa banda, pediu o apoio dos pontevedreses para "facer realidade o soño da xeneración de Castelao, Bóveda e todas as persoas ás que arrasou Atila en Galicia" e que os galegos poidamos ser "protagonistas da nosa historia".
“En definitiva o 23X vai da nosa vida, vai de ser galegas. Vai de poder decidir, de poñerlle freo a unha recentralización insaciable dos poderes políticos e económicos do Estado", sentenciou.
No mitin tamén interveu o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou que o BNG confía "no país e nas súas posibilidades, nas súas xentes e no seu futuro" e que cando goberna demostra "que somos quen de ser un referente".
Foi por iso que fronte aos "desagravios" das forzas madrileñas o rexedor nacionalista tamén instou a "berrar alto e claro que basta xa de discriminación con Galicia”, identificando ao BNG como "realmente o único voto útil" por ser un partido "sen medo nin ataduras".
Relacionadas:
-
Da Silva apela ao voto "de quen quere o mellor para Galicia" para arrebatarlle un escano ao PP
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O BNG reclama que Galicia defina a súas infraestruturas e que "non se pensen desde Madrid"
Por Alejandro Espiño |
-
Carme da Silva propón frear o "timo verde" dos proxectos eólicos cun grupo galego forte no Congreso
Por Redacción |
-
O BNG pide o voto para acabar coa contaminación acústica da AP-9 en Poio
Por Redacción |
-
Da Silva apela a votar "coa cabeza e o corazón" para acabar coa discriminación a Galicia
Por Redacción |