Lanzan unha campaña para fomentar o uso responsable de auga en Sanxenxo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo e Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de auga, poñen en marcha a campaña "Está na túa man, pecha a billa cando toca" para fomentar o consumo responsable de auga.
O obxectivo desta iniciativa é concienciar á cidadanía e visitantes da importancia de realizar un uso adecuado dos recursos naturais.
Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga, nas redes sociais e páxinas web de ambas as entidades.
A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se esperan para os meses de xullo e agosto teñen un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é importante realizar un consumo eficiente da auga potable.
Durante 2022, no municipio de Sanxenxo o consumo medio mensual foi de 175.050 metros cúbicos. Esta cifra superouse durante os cinco meses centrais do ano (desde maio ata setembro) e alcanzouse o pico de maior consumo de auga en agosto, con 366.275 metros cúbicos, e en xullo, 340.818 metros cúbicos. Pola contra, os meses de menor consumo foi en novembro de 2022.
Co obxectivo de facer un consumo responsable de auga, esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga como pechar a billa mintas nos cepillamos os dentes, ducharse en lugar de bañarse, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.
Tamén hai que ter precaución con actividades típicas desta época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. Ademais, un bo consello para as persoas que se marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda.
Relacionadas:
-
Retoman a idea de crear un ente supramunicipal para o abastecemento de auga na ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Renovación dunha tubaxe de residuais en Bordóns para garantir a calidade da auga na praia de Nanín
Por Redacción |
-
Adxudicada por 23,2 millóns de euros a ampliación da depuradora para Sanxenxo e Poio e o emisario submarino
Por Redacción |
-
As obras de abastecemento e saneamento no rural de Sanxenxo comezan polo bombeo de Area de Agra
Por Redacción |