A Xunta e as deputacións acordan continuar as negociacións para a prestación do servizo contraincendios
Por Redacción
A Xunta apoia ás deputacións provinciais para continuar as negociacións co persoal do servizo contraincendios e salvamento a través dun protocolo de colaboración asinado este mércores polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, os presidentes das deputacións de Pontevedra, Luis López; de Ourense, Luis Menor, e os deputados José Ramón Rioboo e Pilar García en representación das da Coruña e Lugo, respectivamente.
As forzas sindicais representativas dos traballadores dos parques de bombeiros comarcais, que mantiveron reunións con representantes das administracións o 22 de xuño e o 13 de xullo pasados, rexeitaron sumarse ao acordo e néganse a desconvocar a folga indefinida.
A pesar disto, o Goberno galego e as deputacións manteñen o ofrecemento para avanzar na negociación.
O acordo, segundo a Xunta, fixa a vontade de traballar de xeito conxunto para aplicar a sentenza do 28 de xaneiro de 2022 ao persoal subrogado dos consorcios provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra de prestación do Servizo contra incendios e salvamento, mantendo a condición de persoal indefinido fixo que tiñan no momento da subrogación co gallo do modelo de xestión.
Con este obxectivo, como primeiro paso prevese a sinatura dun convenio colectivo en cada un dos consorcios no que se recollan as mellores condicións dos convenios que tiñan os traballadores coas empresas prestadoras do servizo. Búscase así que a fixeza do persoal se realice cun procedemento coas garantías legais necesarias, tal e como xa acordara a Xunta coas deputacións provinciais e consonte aos criterios da sentenza. O texto asinado recolle que ese convenio se formalizará á maior brevidade posible e que terá unha vixencia dun ano.
A partir desta sinatura, as partes implicadas comprométense a iniciar o vindeiro setembro a negociación de novos convenios colectivos para homoxeneizar as condicións laborais do persoal dos catro consorcios e que entrarían en vigor en outubro de 2024. En paralelo, principiarase a tramitación das respectivas Relacións de Postos de Traballo (RPTs).
Cómpre lembrar que en 2018 formulouse a posibilidade do cambio de modelo de xestión para pasar de indirecta a directa nos 24 parques de bombeiros dos consorcios provinciais, unha decisión que foi apoiada polo Goberno galego coa condición de que non suporía un aumento do custo nin maiores achegas económicas da administración autonómica.
Deste xeito, unha vez culminados os trámites neste ano no de Ourense, os consorcios funcionarán en todas as provincias con xestión directa, o que implica a subrogación dos efectivos das empresas que prestaban o servizo. O cambio de modelo require a subrogación en réxime de indefinido non fixo, para posteriormente a través dun proceso selectivo converter o persoal en indefinido do consorcio.
Relacionadas:
-
Proposta dos consorcios provinciais para frear a folga dos bombeiros: suba salarial nun 10% e aumento de efectivos
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Vehículos mal aparcados dificultan a extinción dun incendio forestal na Illa de Arousa
Por Oskar Viéitez |
-
Así é a repartición do goberno da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
O Parque de Bombeiros de Vilagarcía, sen servizo este luns debido ao conflito laboral
Por Anxo Lourido |
-
Aprobado no pleno provincial un investimento de 2,5 millóns de euros para o consorcio contra incendios
Por Redacción |
-
Carmela Silva considera "inxustificada" a folga dos bombeiros do consorcio e atribúea a un intento de "presionar" polas eleccións
Por Oskar Viéitez |
-
Os bombeiros do consorcio provincial convocan unha folga indefinida
Por Oskar Viéitez |