Poio rexistrou un 60% de ocupación turística en xullo
Por Redacción
O sector turístico de Poio pechou xullo cunha ocupación do 69%, correspondente á segunda quincena do mes, con cifras superiores ao 80% en varios establecementos e "un aumento progresivo no número de visitantes que permite ser optimistas cara ao que resta de verán", segundo a valoración da concelleira de Turismo, Rocío Cochón.
A responsable da área, que presentou un balance dos datos turísticos correspondentes ao inicio da tempada estival, fixou no 60,8% a ocupación media durante todo o mes de xullo. As cifras ilustran como o sector "resistiu con forza" nun mes "marcado pola convocatoria electoral durante a ponte do Apóstolo, o arrefriamento da situación económica e outros condicionantes", recalcou.
Cochón subliñou tamén o "significativo aumento" de visitantes atendidos nas oficinas turísticas municipais situadas en Combarro (Escola do Campo) e San Salvador (Casal de Ferreirós). Máis de 3.200 persoas recibiron asesoramento durante o mes de xullo polas técnicas destas oficinas, o que supón unha suba do 25% sobre ano pasado.
A gran maioría dos usuarios foron turistas nacionais, incluído un 10% de visitantes procedentes do resto de Galicia. O resto de viaxeiros chegaron principalmente de Madrid, Andalucía e Castela e León, e algo máis dun 6% chegaron procedentes do estranxeiro, particularmente de Francia, Portugal e outros estados da UE.
Cochón destacou uns datos “positivos” que espera sexan "un bo augurio" de cara ao que resta de verán, salientando o esforzo dos profesionais que fan posible a calidade, a diversidade e o dinamismo que ofrece o turismo poiense.
A concelleira apuntou que actualmente Poio pon a disposición dos visitantes máis de 4.000 prazas turísticas, das que cerca de 1.200 son prazas hoteleiras, 800 son en aloxamentos extrahoteleiros como apartamentos, pensións ou casas de turismo rural e máis de 2.000 son en vivendas turísticas e de uso turístico. "Unha oferta crecente que se ve reflectida no inmenso abano de recursos que fan de Poio un destino único e en evolución, atractivo os doce meses do ano", lembrou.
Rocío Cochón comprometeuse a traballar man a man co sector para consolidar o destino.
Relacionadas:
-
Poio pecha agosto cunha ocupación do 83% e promete propostas "innovadoras" para o inverno
Por Redacción |
-
A ocupación hoteleira en Poio na primeira metade de agosto, por riba do 85%
Por Redacción |
-
VÍDEO.- A outra cara do turismo: autobuses cheos e xente desesperada esperando durante horas baixo o sol
Por Almu Dapena |
-
Turismo Rías Baixas sitúa no 72 % a ocupación media dos aloxamentos da provincia en xullo
Por Redacción |