Poio pecha agosto cunha ocupación do 83% e promete propostas "innovadoras" para o inverno
Por Redacción
O verán en Poio "superou as expectativas". Así o subliña a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, que celebrou que o recente mes de agosto fora "moi satisfactorio" para o sector turístico, ao alcanzar unha ocupación media do 83,33% nos establecementos hoteleiros.
Nove de cada dez plazas de aloxamento do municipio estiveron ocupadas durante o último mes, xa que ás estancias nos hoteis ou albergues hai que sumar as vivendas de uso turístico, nas que a ocupación alcanzou o 94%, segundo datos do propio sector.
A ocupación media superou o 80% en todas as parroquias, o que para Cochón fala da "calidade e forza do sector ao longo e ancho do municipio".
Por outra banda, as oficinas de información turística municipais atenderon 4.716 visitantes en agosto, un 15% máis que no mesmo mes de 2022. Un aumento ao que contribuíu a ubicación temporal da oficina de turismo de Combarro na Praza da Chousa durante a Festa do Mar.
Así, durante os catro días que durou este evento, os informadores turísticos municipais que atendían ese posto temporal deron atención personalizada a máis de 1.200 viaxeiros de entre os miles que visitaron Combarro eses días, algo que Cochón quixo agradecer.
"A atención na Chousa foi, ademais dun éxito, unha experiencia moi valiosa de cara a proxectos futuros", indicou Cochón, xa que esa praza e Combarro "son con frecuencia o mascarón de proa do noso Concello, o primeiro que ven e coñecen as persoas que nos visitan".
A partir de agora, o goberno municipal traballará por un obxectivo "esencial", o de avanzar cara a desestacionalización.
A este respecto, a edil de Turismo destacou que despois de analizar polo miúdo os datos estivais se irán activando, en conxunto co sector, "propostas innovadoras" centradas en construír un destino "aínda mellor" para visitantes, o sector e todos os veciños os doce meses do ano.
Relacionadas:
-
Poio impulsará unha mesa local de turismo para "xuntar esforzos e ideas" co sector
Por Redacción |
-
A ocupación hoteleira superou o 86,5 % no conxunto da provincia no mes de agosto
Por Oskar Viéitez |
-
El Combo Dominicano e Florida Band, principais actuacións nas Festas de Samieira
Por Redacción |
-
A ocupación hoteleira en Poio na primeira metade de agosto, por riba do 85%
Por Redacción |
-
Rueda visita Tambo e ofrece ao Concello a colaboración da Xunta para a súa posta en valor
Por Redacción |
-
Poio rexistrou un 60% de ocupación turística en xullo
Por Redacción |