Poio impulsará una mesa local de turismo para "xuntar esforzos e ideas" co sector
Por Redacción
O goberno municipal de Poio constituirá nas próximas semanas unha mesa local de turismo co obxectivo de "xuntar esforzos e ideas" para contribuír a impulsar un sector "vital para a economía e a identidade do concello". Así o avanzou a edil de Turismo, Rocío Cochón.
Nesta mesa estarán representantes do tecido turístico de todo o municipio, administracións, veciños, colectivos e grupos políticos e será, segundo Cochón, un "espazo de encontro permanente" para desenvolver sinerxias e estratexias que impulsen Poio como destino turístico.
A concelleira destacou que este foro "suporá un chanzo máis" no respaldo que se lle quere dar ao sector desde o novo goberno "sempre da man de quen máis o coñece e poden axudarnos a melloralo: os seus profesionais".
Rocío Cochón puxo como exemplo de "iniciativas innovadoras" que axudan á dinamización do municipio a cata de produtos da zona con vistas á ría e dirixida a prescriptores turísticos que organizou este sábado o Hotel Villa Covelo para conmemorar o peche do verán.
Desde alí, a responsable de Turismo recordou que Poio tivo unha ocupación global do 76% desde a segunda quincena de xuño ata setembro. Ademais, as oficinas de información municipal atenderon no que vai de ano a un total de 11.926 persoas.
Destes case 12.000 visitantes, a gran maioría (89%) procedían de territorio nacional, e un 11,08% eran estranxeiros. Entre os españois, as principais comunidades de orixe foron Madrid, Andalucía e Castela, mentres os turistas foráneos chegaron de Alemaña, Francia e Portugal.
O estudo dos datos recompilados permite facer un perfil do usuario medio destas oficinas: españois de ambos sexos, de entre 36 e 60 anos, que non coñecían previamente o concello, chegados no seu vehículo particular e aloxados nun hotel ou apartamento fóra do municipio.
Dese retrato extráese tamén, engadiu Cochón, que "a gran maioría dos que nos visitan pensan en volver e convértense en prescriptores, isto é, recomendan o noso concello como destino non só en tempada alta", o que agardan que se convertan en máis visitas e máis pernoctacións.
Relacionadas:
-
Tres de cada catro peregrinos que percorren a Variante Espiritual son estranxeiros
Por Redacción |
-
O goberno local e os comuneiros concretan súa participación na Mesa de Turismo de Poio
Por Redacción |
-
Apoio unánime de todos os partidos para crear unha Mesa de Turismo que converta a Poio en referente
Por Redacción |
-
O Día de Colón incluirá comidas e ceas de particulares nas rúas de Combarro
Por Redacción |
-
Catro mil persoas visitaron Tambo este verán de xuño a setembro
Por Redacción |
-
Poio pecha agosto cunha ocupación do 83% e promete propostas "innovadoras" para o inverno
Por Redacción |