O Día de Colón incluirá comidas e ceas de particulares nas rúas de Combarro
Por Redacción
A semellanza da Feira Franca de Pontevedra, o Día de Colón, que Combarro recuperará os días 20 e 21 de outubro tras cinco anos sen organizarse, incluirá xantares e ceas que os particulares poderán organizar nas rúas da vila. Esta será unha das súas principais novidades.
As persoas interesadas poderán inscribirse na Oficina de Turismo de Combarro ata o próximo venres, segundo adianta o Concello de Poio, que impulsa esta festa en colaboración coas asociacións Combrus, Laretas e Vides Novas.
O obxectivo desta idea é encher as rúas do centro histórico de ambiente e animación medievais, explica o alcalde, Ángel Moldes, que anima a veciños e visitantes "a saír ás rúas e impregnar Combarro do espírito de Colón".
Os xantares e ceas de particulares poderán organizarse o sábado día 21. Xunto coa folla de solicitude cos datos do solicitante, o número de participantes ou as dimensións da mesa, haberá que indicar se farán lume e grellas ou mostrar a estética que se lle quere dar.
Todas as persoas da mesa deberán vestir traxes adecuados á época histórica da recreación da festa, e a decoración e ambientación deberán tamén estar relacionados directamente co espírito da época, así como os materiais que se utilicen, a música ou incluso a animación.
Na asignación de espazos, valorarase a decoración, ambientación e organización de actividades lúdicas e de animación que se propoñen nas inscricións, e no caso de que se queiran instalar "jaimas", teñen que ser con materiais acordes e está prohibido facer buratos no chan para fixalas, debendo utilizar outros obxectos ou materiais que non danen o solo.
Con respecto aos lumes e grellas, non se pode facer lume baixo toldos e outras zonas ou elementos susceptibles de arder e as queimadas están prohibidas.
Estas e outras normas poderán consultarse na propia oficina turística así como na páxina web e nas redes sociais do concello e dos organizadores.
Como edicións anteriores, a programación incluirá artesáns, tiro con arco, obras teatralizadas e música itinerantes, entre outras propostas que se darán a coñecer nos vindeiros días, e a organización manterá reunións de coordinación cos diferentes establecementos. Tamén os locais crearán os seus propios menús medievais.
Relacionadas:
-
Cancelado o Día de Colón en Poio pola previsión de choivas
Por Redacción |
-
Poio presenta o Día de Colón en Baiona a bordo da carabela Pinta
Por Redacción |
-
Poio impulsará unha mesa local de turismo para "xuntar esforzos e ideas" co sector
Por Redacción |
-
Activan un plan especial de aparcamento en Combarro pola ponte festiva
Por Redacción |
-
Combarro volverá a celebrar o Día de Colón, que non se organiza desde 2018
Por Oskar Viéitez |