Uns 300 maiores participan no xantar organizado polo Concello da Lama na Carballeira das Ermidas
Por Redacción
O tradicional 'Xantar da Terceira Idade' que organiza o Concello da Lama na Carballeira das Ermidas reuniu este venres a unhas 300 persoas entre as que se atopaba o alcalde David Carrera, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, o xerente do Consorcio de Benestar, Perfecto Rodríguez, e varios membros da Corporación Municipal.
Luís López dedicou un agarimoso saúdo para todos os "fillos da Lama espallados polo mundo" e que con motivo das vacacións estivais se achegan ata o seu pobo e participan nesta comida.
Pola súa banda, David Carrera agradeceu a presenza dos comensais e lembrou a importancia que este evento ten para potenciar os lazos que unen á comunidade veciñal lamense "tanto dos que residen aquí como os que o fan no estranxeiro".
Carrera sinalou no seu discurso que "aquí dase cita hoxe o mellor da nosa historia, a experiencia vital de todos e cada un de vós que tanto tedes aportado en favor das vosas familias e da nosa sociedade. Debémosvos todo o que somos e este é un momento de facer un recoñecemento colectivo a todos e cada un de vós. Moitas grazas por todo e por tanto".
Antes de rematar a súa alocución, o alcalde David Carrera fixo unha referencia emotiva ao seu predecesor e concelleiro da actual Corporación Municipal, Jorge Canda, que foi seguida dun forte e continuado a aplauso de todos os asistentes.
Despois dos discursos, comezou a festa e o baile amenizado pola Charanga Os Encerellados, de Campo Lameiro, que ofreceron aos asistentes o seu habitual repertorio a base de cancións de moda dándolle tamén unha nota de humor a esta celebración.