A restauración da ermida da Lanzada rematará en setembro
Por Redacción
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, comprobou este martes o avance das obras de restauración da capela da Nosa Señora da Lanzada, en Sanxenxo. Unha actuación que enmarcou no compromiso do Goberno galego coa recuperación dos bens máis senlleiros do noso patrimonio cultural.
Román Rodríguez explicou que a previsión é que os traballos, que contan cun orzamento de case 110.000 euros, estean rematados a finais de setembro.
Segundo sinalou, a actuación inclúe traballos de limpeza e consolidación na superficie pétrea. Ata o momento xa se procedeu á retirada das xuntas de cemento e limpeza do paramento norte e ábsida. Así mesmo, comezaron os traballos de desalación da ábsida e ó rexuntado do paramento norte; ademais da revisión dos elementos das cruces e sopenas coa finalidade de valorar o seu estado de conservación.
A intervención continuará coa eliminación de vexetación e limpeza da superficie, co selado de gretas e fendas con morteiro. Ademais, acometerase a restauración das cruces e sopenas, en función dos resultados do devandito estudo.
A maiores, executarase un estudo histórico-arqueolóxico mediante sondaxes arqueolóxicas manuais e farase un levantamento 3D da capela mediante fotogrametría, escalado e xeoreferenciado exterior, entre outros detalles.
O obxectivo da intervención é garantir a conservación deste ben incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e evitar un posible deterioro irreversible ou a perda de elementos de valor artístico e cultural difíciles de recuperar.