O PSOE tacha de "radicalmente falso" que non queira negociar co BNG: "Se queren gobernar en coalición, que poñan día e hora"
Por Natalia Puga
Catro dos cinco concelleiros do PSOE en Pontevedra compareceron este mércores para volver tender a man ao BNG para negociar un acordo de Goberno que permita un Executivo bipartito entre os dous partidos. "En mans do BNG está a decisión sobre que forma de goberno" terá o municipio, sinalou o portavoz socialista, Iván Puentes.
Iván Puentes, que compareceu acompañado por Yoya Blanco, Manuel Fariña e Marcos Rey, tachou de "radicalmente falso" o afirmado o luns polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que concluíu que o PSOE decidira non entrar no Goberno.
O líder socialista quixo aclarar que "o que non vai facer (o PSOE) é integrarse nun goberno municipal no que teñan un único programa, o do BNG", senón nun con "puntos de entendemento" e no que se inclúan propostas nacionalistas (a maioría porque son maioría) e tamén socialistas.
"A decisión tena novamente o BNG, o alcalde, nas súas mans. Se quere que haxa goberno, ten que chamar ou vir ao noso despacho, que está na mesma planta, e dicir que quere seguir negociando", sinalou Puentes.
Así, deixa claro que o BNG é o que ten que dar o paso e chamar, pois é o que está a negociar. "Se queren gobernar en coalición, que poñan día e hora" e eles sentarán a negociar, pois lembran que "non imos de vacacións", están todo o verán en Pontevedra e "podemos reunirnos mañá mesmo".
Na súa opinión, "a gobernabilidade da cidade require un acordo entre o PSOE e o BNG" e por iso hai 15 días remitiron aos socialistas un documento coas súas propostas para sentar a negociar, tanto desde o punto de vista programático como organizativo. Agora, só falta poñer "sentido común" e "poñernos as pilas todos para levar isto a bo porto", sostén.
O alcalde sinalou na súa comparecencia de hai tres días que chegaba a estas conclusión tras analizar a actuación do PSOE durante o última ano de mandato bipartito, durante a campaña electoral e durante os dous primeiros meses deste novo mandato. Con todo, Puentes asegura que ese balance dos nacionalistas "non se corresponde para nada coa realidade".
Así, durante o último ano de mandato asegura que "o único que lle pasou ao PSOE foi que tomou a iniciativa" e xestionou preto de 33 millóns de euros de fondos europeos para investimentos na cidade. "Se eu fose alcalde, querería ter á beira a un partido que consegue fondos, non a un partido pasivo", explicou Puentes.
Sobre a campaña, enmarcou calquera posible crítica dentro do xogo democrático de calquera época electoral na que os partidos presentan as súas propostas. Ademais, concluíu que as propostas do PSOE supuxeron que subise en votos e en concelleiros mentres que as do BNG baixaron os seus votos e concelleiros.
En relación aos dous meses do actual mandato, Puentes asegura que non entende os reproches, pois foron "coherentes" e apoiaron as tres grandes medidas do mandato, demostrando que queren "poñer por encima das siglas e da política cortoplacista a gobernabilidade" da cidade.
Así, refírese ao apoio da investidura do alcalde "a cambio de nada" por "responsabilidade, lealdade e xenerosidade". Tamén o seu apoio no primeiro e único pleno do mandato a unha modificación de crédito e o voto a favor da aprobación da conta xeral do Concello.
O líder do PSOE considera que "falta un pouquiño de obxectividade, formalidade e empatía" á hora de valorar o papel do PSOE nestes dous meses e lembrou que só mostraron discrepancias en relación coa localización da feira ambulante, que insisten en situar na Alameda; e coa situación da avenida Raíña Vitoria, que queren reabrir ao tráfico.
Ademais, asegura que "o 100% do feito nos últimos dous meses leva o selo do PSOE", en alusión a medidas do BNG como a nova ponte sobre o ferrocarril de Monte Porreiro, a nova ponte da rúa Tablada, o parque da auga do Lérez, o parque do Campo da Torre ou os novos plans para o mercado e a feira de antigüidades. O único que non leva o selo nacionalista asegura que é a propostas de levar a feira á avenida de Bos Aires.
Relacionadas:
-
Lores sostén que "non ten sentido" negociar co PSOE porque "ten decidido non entrar no Goberno"
Por Natalia Puga |
-
Eva Vilaverde, alcaldesa en funcións, sobre a proposta do PSOE: "A man tendida a negociar parece man aberta para dar"
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
O PSOE tende a man ao Bloque para retomar as negociacións do pacto de goberno
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG cre que non haberá pacto de goberno e o PP descarta unha moción de censura, "en estos momentos"
Por Oskar Viéitez |
-
Eva Vilaverde asegura que "mentres o BNG siga no Goberno a rúa Raíña Vitoria permanecerá pechada"
Por Oskar Viéitez |