O BNG cre que non haberá pacto de goberno e o PP descarta unha moción de censura, "en estos momentos"
Por Oskar Viéitez
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, descarta por agora presentar unha moción de censura no Concello de Pontevedra. "En este momento, segundo pleno, cuando el Partido Socialista acaba de nombrar al señor Lores alcalde a cambio de nada, creo que no toca ni siquiera pensar en eso. No es algo que esté ni siquiera encima de la mesa en estos momentos", dixo.
Rafa Domínguez aínda cre que nacionalistas e socialistas van chegar a un acordo de goberno en Pontevedra, "ahora, yo sé que se llevan fatal", engadiu "y si llegan a un acuerdo va a ser un bipartito cada uno por su lado". Pero se non hai pacto de goberno "es muy difícil llevar un ayuntamiento como el de Pontevedra con sólo 9 concejales", dixo.
Rafa Domínguez compareceu este mércores en rolda de prensa para analizar as declaracións do Bloque Nacionalista Galego en contra da reapertura da avenida de Raíña Vitoria ao tráfico que foi aprobada no Pleno Municipal.
O portavoz popular lembrou que o pasado 28 de maio o PP gañou as eleccións municipais en Pontevedra mentres que "el señor Lores las perdió de forma contundente" xa que non lle votaron "ni un tercio de todos los pontevedreses" aínda que sexa alcalde da Boa Vila co apoio do PSOE grazas a "un pacto que se firma en Santiago".
Rafa Domínguez subliñou que "la democracia es articular acuerdos" e o BNG goberna en minoría "con solo 9 concejales" fronte aos 11 do PP e os 5 do PSOE, e que o Pleno do pasado luns, "que encarna la voluntad democrática de todos los pontevedreses", aprobou a reapertura do tráfico en Raíña Vitoria, "por lo tanto, se deben respetar los acuerdos plenarios" se é que o alcalde non quere ser "un dictador", argumentou o presidente local do Partido Popular.
"Le pido al señor Lores que acepte la voluntad de la mayoría de los pontevedreses porque eso es democracia", insistiu Rafa Domínguez que sinalou que o Regulamento Orgánico do Pleno de Pontevedra, no seu artigo 94,2, confire "carácter ejecutivo" aos acordos que adopte este órgano.
RESPOSTA MUNICIPAL
Este mesmo mércores, a alcaldesa de Pontevedra en funcións, Eva Vilaverde, compareceu en rolda de prensa para reiterar que na lei "existe unha diferenza clara e nítida" entre as funcións do Pleno, cun parte "puramente política", outra normativa e outra de control, e a da "acción de goberno que lles corresponde ao alcalde e ás persoas nas que delega as diferentes áreas".
"O que non se pode a través dunha moción é gobernar porque non é competencia do Pleno facelo", destacou a edil nacionalista, polo que a moción para reabrir Reina Vitoria non terá efectos na práctica.
"No que ten que ver con tráfico, mobilidade e con obras quen é competente para tomar decisións e executalas é o alcalde e o seu goberno", subliñou Eva Vilaverde.
A alcaldesa en funcións incidiu en que é "lexítimo" o acordo que adoptaron PP e PSOE no Pleno do pasado luns do que "tomamos nota" pero non entende que "o señor Domínguez veña aquí a vociferar contra o goberno porque fai o que dixo que ía facer".
A Eva Vilaverde parécelle "retorcido" que o PP "non goberne onde tiña que gobernar", en referencia á Deputación, "e veña ao Concello de Pontevedra onde non lle corresponde gobernar e pretenda facelo pola porta de atrás" polo que lle acusa de "torpedear" o traballo municipal.
"Nós estamos aquí para gobernar e imos facelo. Se outros queren gobernar tamén o poden facer: tiveron ocasión de investir a outro alcalde, tiveron ocasión de constituír outras maiorías o pasado 17 de xuño e seguen podendo facelo cando consideren oportuno. É lícito e lexítimo que o fagan", manifestou Eva Vilaverde en referencia á posibilidade dunha moción de censura.
PACTO DE GOBERNO
Con respecto ás negociacións entre o BNG e o PSOE para pechar un pacto de goberno na capital, a alcaldesa en funcións indicou que "o luns o Partido Socialista de Pontevedra deixou claro e meridiano que non quere entrar a gobernar en Pontevedra".
Eva Vilaverde, que formou parte da comisión negociadora e participou nestas reunións, desvelou que no Bloque "loxicamente xa sabiamos, ou intuíamos, que non querían entrar a gobernar" ante a "actitude" mostrada polo PSOE xa que, desde o último encontro mantido o 20 de xuño, os socialistas "daban largas, non propoñían nada concreto" e tiñan pendente de enviar unha proposta sobre o documento basee sobre o que estaban a traballar nas tres reunións anteriores. "Non volvemos ver nada máis".
"Eles serán interlocutores privilexiados para calquera acordo de goberno co Bloque Nacionalista Galego", asegurou Eva Vilaverde, "porque grazas a eles temos a Alcaldía", engadiu.
"O luns demostraron que prefiren chegar a acordos co Partido Popular na oposición obstaculizando a acción de goberno que chegar a acordos co BNG para gobernar a cidade de Pontevedra", concluíu a alcaldesa en funcións.
Relacionadas:
-
O PSOE tacha de "radicalmente falso" que non queira negociar co BNG: "Se queren gobernar en coalición, que poñan día e hora"
Por Natalia Puga |
-
Lores sostén que "non ten sentido" negociar co PSOE porque "ten decidido non entrar no Goberno"
Por Natalia Puga |
-
Eva Vilaverde, alcaldesa en funcións, sobre a proposta do PSOE: "A man tendida a negociar parece man aberta para dar"
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
O PSOE tende a man ao Bloque para retomar as negociacións do pacto de goberno
Por Oskar Viéitez |
-
Eva Vilaverde asegura que "mentres o BNG siga no Goberno a rúa Raíña Vitoria permanecerá pechada"
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG de Pontevedra cre que este mandato "probablemente vaia a moción de censura"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O Pleno aproba a reapertura ao tráfico de Raíña Vitoria e a substitución dos lombos nas vías sanitarias
Por Oskar Viéitez |