O 'compinche' do Ilustrísimo queda de novo en liberdade por roubar a punta de coitelo nun comercio
Por Natalia Puga
O Xulgado de Garda deixou este mércores en liberdade a J.LD.M, un mozo de 26 anos e múltiples antecedentes policiais ao que se coñece en ambientes policiais porque durante o verán de 2013 actuou como 'compinche' de Alejandro P.C., O Ilustrísimo, en varios dos seus delitos.
J.L.D.M., coñecido como Maquieira, pasou a disposición xudicial a mediodía tras ser detido pola mañá polo furto dun teléfono móbil, o roubo a punta de coitelo nun comercio e porque tiña ditada unha orde de busca e detención ditada polo Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra.
Este mozo ingresara en prisión en setembro despois de ter un verán moi activo pero, tras unha breve estanza na Lama, quedou en liberdade. Ao pouco tempo, volveu ás andadas e segue engrosando o seu historial de múltiples antecedentes policiais con tan só 26 anos. O 17 de decembro volveu ser detido por dous roubos con forza e un furto supostamente cometidos nun establecemento de hostalaría, un coche e un colexio de Pontevedra na semana anterior.
Por aqueles feitos quedou en liberdade e tan só uns días despois, o 21 de decembro, supostamente cometeu o primeiro dos furtos polos que este mércores pasou a disposición xudicial. O propietario dun establecemento de hostalaría denunciou na Comisaría que sorprendeu no interior do local un mozo que mentres el recollía as mesas, nun momento de descoido, accedeu ao interior da barra e se apoderou do seu teléfono móbil valorado en 620 euros. A continuación saíu fuxindo a toda velocidade.
O segundo delito que se lle atribúe é un roubo con violencia nun establecemento comercial da rúa Isabel II rexistrado o 2 de xaneiro. Unha vez que os responsables do negocio deron alerta á Comisaría, unha patrulla dirixiuse ao lugar, solicitou datos do ladrón e iniciou unha batida polas inmediacións, pero non logrou localizalo.
As testemuñas relataron á Policía que o mozo accedera ao local esgrimindo un coitelo duns 30 centímetros de folla co que ameazou a propietaria da tenda apoderándose do diñeiro da caixa, un total de 774 euros.
A raíz das denuncias presentadas por ambos os dous delitos contra o patrimonio iniciáronse as investigacións para descubrir a identidade do presunto autor de ambos os dous delitos e os investigadores concluíron que era o mesmo. Unha vez identificado, este mércores 22 de xaneiro foi localizado e detido nas inmediacións de Monte Porreiro.
Unha vez detido, foi trasladado a dependencias policiais, onde se tramitou o correspondente atestado e se lle comunicou que tiña unha orde de busca, detención e presentación ditada polo Xulgado número 1 de Pontevedra. Tras prestar declaración na Comisaría en presenza do seu avogado, foi remitida ao xulgado de garda da Parda.
Relacionadas:
-
O Ilustrísimo e o seu 'compinche' volven coincidir en prisión
Por Natalia Puga |
-
O compinche do Ilustrísimo sae de prisión e volven detelo por roubar nun bar e un colexio
Por Natalia Puga |
-
O compañeiro do Ilustrísimo tamén ingresa en prisión tras ser detido por un roubo con violencia
Por Oskar Viéitez |