A piques de finalizar a renovación da iluminación en Meaño, Meis e Vilanova
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar conta da ampliación dos prazos de execución das obras de renovación de instalacións de iluminación exterior sostible en oito concellos da provincia, nas que se inviste máis dun millón de euros e que contan cun importante financiamento de fondos europeos.
Deste xeito, como explicou o vicepresidente, Rafa Domínguez, a institución provincial obtivo máis de 866.000 euros do programa FEDER a través do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía), o que supón o 80% do orzamento.
Coa prórroga aceptada, as obras teñen de prazo ata finais de agosto, e xa están a piques de rematar. De feito, as actuacións están divididas en dous lotes e un deles xa está finalizado, o que se desenvolveu en Arbo, Pazos, O Porriño, Tomiño e Tui, cun orzamento de 740.000 euros (592.000 euros procedentes de fondos europeos) para substituír 1.460 luminarias de 42 cadros de mando (34 dos cales tamén se reformaron). A potencia pasará de 208 a 87 kW, o que consegue un aforro enerxético do 57,4%.
O segundo proxecto desenvólvese en Meaño, Meis e Vilanova, e prevese que finalice a finais de agosto. O orzamento ascende a 344.000 euros (cunha achega europea de 275.000 euros) e coas obras estanse a substituír 232 puntos de luz, actuando sobre 15 cadros de mando. A potencia pasará de 164 a 81 kW cun aforro enerxético do 53%.