Sete colexios de Sanxenxo, en pleno zafarrancho de obras antes do inicio das clases
Por Redacción
Operarios municipais de Sanxenxo están a realizar diversas actuacións de mantemento e reformas en sete colexios públicos do municipio, obras que teñen como obxectivo que os centros estean en perfecto estado para o inicio do curso escolar en setembro.
Estas obras, que coordinan os departamentos de Educación e Servizos, acométense nos centros CEIP de Nantes, CEIP de Magaláns, CEIP Telleiro, CEIP Portonovo, CEIP da Florida, CEIP Cruceiro e a Escola Unitaria de Aios.
Estas actuacións cobren necesidades expostas polo equipo directivo de cada colexio e buscan mellorar as súas condicións tanto como para o alumnado como para os docentes.
Así, no CEIP Magaláns levouse a cabo a ampliación de aulas coa derriba de paredes e posterior pintado; e no CEIP da Florida está prevista a adaptación de baños, a revisión da instalación eléctrica, o pintado do salón de actos e diversas melloras no mobiliario interior.
No CEIP Portonovo está a facerse o pintado de aulas, renovarase o portal de entrada, mellorarase o patio con axardinamento e con novos elementos de xogo.
O Concello está pendente dun permiso de Costas para acometer unha mellora no acceso de entrada principal ao colexio.
Pola súa banda, no CEIP Noalla está prevista a ampliación da pista deportiva, a mellora das ancoraxes e a construción dunha rampla de acceso; e no CEIP Cruceiro realizaranse pequenos traballos de mantemento no interior e unha rampla de acceso no exterior.
No colexio de Nantes haberá cambio de persianas e traballos de illamento e na Escola Unitaria de Aios realizouse unha limpeza do tellado, están a pintarse as aulas e procedeuse á desinfección e posta a piques dos xogos exteriores. Ademais, habilitarase un horto.
O investimento total nestes traballos roldará os 40.000 euros.
LIMPEZA DE MARQUESIÑAS
A maiores deste traballo, está a realizarse unha limpeza das marquesiñas do municipio tanto das escolares como as do servizo regular de transporte público.
Ademais, colocaranse uns adhesivos que axudarán a distinguir as paradas dun e outro servizo que, ata o de agora, daban lugar a confusión.
Relacionadas:
-
Iluminación LED para o pavillón do colexio A Florida á espera da reforma integral do centro
Por Redacción |
-
Habilitan como aparcamento a parcela dos edificios derrubados do colexio do Cruceiro, en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Primeiro paso para a rehabilitación do colexio do Cruceiro coa derriba dos catro vellos edificios da parcela
Por Redacción |