Últimos días para matricularse na EOI de Pontevedra, que estrea espazos e tecnoloxía
A Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Pontevedra volve abrir as súas portas con aires renovados. O centro atópase nun proceso de modernización do seu mobiliario e arquitectura co obxectivo de fomentar as metodoloxías activas de aprendizaxe.
Ao longo dos últimos anos, esta Escola vén participando en proxectos de innovación educativa como o Programa Erasmus+ ou o Programa Observa_acción, dirixido á mellora da práctica docente. Este curso aposta polos espazos inspiradores acompañados dunha modernización tecnolóxica. Todas as aulas xa contan cun panel dixital, financiado con fondos europeos.
Co obxectivo de integrar tecnoloxía e metodoloxías colaborativas, o alumnado comezará o curso cun novo mobiliario en oito aulas. Mesas que son facilmente desprazables pola aula e que se encaixan unhas noutras creando diferentes formas, como círculos, semicírculos ou ringleiras, para favorecer o traballo en grupo, a interacción e a aprendizaxe activa.
Tamén outros espazos da EOI Pontevedra, situada na Rúa Celso Emilio Ferreiro, s/n, xunto ao campus universitario da Xunqueira, foron reformados nos últimos anos, como a Biblioteca, unha estancia que congrega a un gran número de alumnos e que conta cunha distribución máis acolledora e adaptada aos diferentes tipos de usuarios. O seu amplo horario de apertura correspóndese co do centro: en días lectivos, de 9:00 a 21:30 horas.
"As linguas están cada vez máis consolidadas como unha ferramenta básica para a mobilidade e empregabilidade das persoas. A nosa intención é continuar ofrecendo un ensino de idiomas de calidade a través de novas modalidades e cursos específicos que se adapten ás necesidades reais do noso alumnado. Os espazos colaborativos e a tecnoloxía son dous piares fundamentais para avanzar cara as aulas do futuro", explica María Fernández, Vicedirectora da EOI de Pontevedra.
MATRÍCULA ABERTA
A EOI leva máis de 30 anos ensinando idiomas. Para este curso, a matrícula estará aberta ata o 8 de setembro nos idiomas alemán, galego, francés, inglés, italiano e portugués.
A Escola Oficial de Idiomas é un centro público polo que as taxas de matriculación teñen prezos pechados para o curso completo: entre 105 euros para os alumnos antigos e os 127 euros para os novos alumnos, con descontos para familias numerosas ou persoas con discapacidade, entre outros.
Toda a información sobre as prazas vacantes e matrícula pódese consultar na propia web da EOI de Pontevedra na ligazón: PRAZAS VACANTES: CURSO 2023-24 | Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra (xunta.gal).
Pódese obter máis información na secretaría do centro, de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00 horas, ou nos teléfonos de atención: 886 159 116 e 886 159 119.
AMPLA OFERTA EDUCATIVA E DE ACTIVIDADES
A Escola Oficial de Idiomas leva dous anos diversificando a súa oferta educativa.
Desde o centro lembran que as súas titulacións oficiais puntúan en concurso-oposicións e no caso dos estudantes universitarios computan por créditos de libre configuración.
Ademais dos cursos ordinarios de idiomas, conta coa modalidade semi-presencial, na que o alumnado ten que asistir a unha única sesión semanal de dúas horas e a outra metade da carga lectiva desenvólvese na aula virtual, baixo a supervisión do titor/a. Integramente a distancia, dende hai anos desenvólvese o programa That's english.
Ademais, a EOI oferta cursos para a obtención dos diferentes niveis do CELGA e de linguaxe administrativa galega en liña. Ademais de cursos específicos de destrezas orais, para persoas que queren aprender unha lingua pero non necesitan unha titulación oficial.
Esta ampla oferta educativa está deseñada para adaptarse ás demandas do alumnado e aos seus diferentes ritmos de aprendizaxe e de vida. Para iso, ofrécese unha variedade de horarios. Tamén dispón no centro da cidade dunha aula no Instituto Valle Inclán, ademais das seccións de Lalín e A Estrada. Toda a información das sedes, modalidades de ensino e prazos de matrícula pódese consultar na súa web: www.edu.xunta.gal/centros/eoipontevedra.
Así mesmo, o alumnado matriculado na EOI pode participar nas múltiples actividades culturais que organiza o centro, como conferencias, presentacións de libros, ciclos de cine, clubs de lectura e de conversa ou concursos. A máis próxima será a celebración o 26 de setembro do Día Europeo das Linguas, cunha xornada de portas abertas para achegar a Escola á cidadanía.
Relacionadas:
-
A Vicerreitoría e o Museo de Pontevedra exploran vías de colaboración
Por Oskar Viéitez |
-
Tres palabras como base para crear un microrrelato en galego, proposta da Escola Oficial de Idiomas para o seu certame literario
Por Redacción |
-
Meditación e vida saudable para preparar os exames na Escola Oficial de Idiomas
Por Clara Alonso |
-
Sabías que os certificados da Escola Oficial de Idiomas contan nas oposicións?
Por Redacción & Paula Sanmartín |