A Vicerreitoría e o Museo de Pontevedra exploran vías de colaboración
Por Oskar Viéitez
O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, reuniuse este martes coa vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, coa directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, e co director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres.
Xuntáronse a petición da universidade debido ao interese da institución académica de contar co Museo de Pontevedra como aliado nos traballos para acadar a acreditación do Campus Crea como campus de especialización.
O obxectivo é explorar posibles vías de colaboración e traballo conxunto no marco deste proceso, así como poder contar co apoio e asesoramento da institución dependente da Deputación de Pontevedra nunha "serie de actividades que imos desenvolver no que queda de ano", anunciou Lantarón.
"Para nós o Museo de Pontevedra, como ente cultural da cidade, é unha peza fundamental para axudarnos a tomar decisións en canto ás liñas a seguir para avanzar no que é o campus de especialización", salientou Lantarón.
Xosé Manuel Rey é tamén un dos membros do comité consultivo social-empresarial do Campus Crea.
O director do Museo asegurou que "estamos encantados de colaborar coa Vicerreitoría para tratar de que o campus de especialización poida levarse a bo termo".
Rey destacou que, no referido "á creatividade, o patrimonio cultural e todos os elementos asociados", o proxecto de especialización está "intimamente relacionado" co labor desta institución, motivo polo que manifestou a súa vontade "de poñer a disposición do campus todo o noso coñecemento e experiencia nestes ámbitos".
Relacionadas:
-
O campus universitario quere crecer cun novo grao relacionado coa creatividade
Por Alejandro Espiño |
-
Ángeles Tilve, primeira muller á fronte do Museo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Trinta e oito universitarios estranxeiros estudan en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O grao en Deseño estréase no campus de Pontevedra con 52 estudantes
Por Redacción |
-
Últimos días para matricularse na EOI de Pontevedra, que estrea espazos e tecnoloxía
Por Noticia patrocinada |
-
A Deputación reforza a súa colaboración coa Universidade de Vigo para promover a formación e especialización do seu alumnado
Por Redacción |