O campus universitario quere crecer cun novo grao relacionado coa creatividade
Por Alejandro Espiño
O foco do Campus Crea, a área de especialización do campus universitario de Pontevedra, debe estar naquelas titulacións relacionadas coa creatividade. De aí que a Universidade de Vigo estea a buscar un novo grao nese ámbito para ampliar a súa oferta formativa na cidade.
Así o avanzou o reitor da universidade, Manuel Reigosa, tras presidir este martes a primeira xuntanza que mantén este curso o Consello de Campus, no que se trazou unha "folla de ruta" para poder acreditar este Campus Crea como campus de especialización.
A este respecto, Reigosa explicou que proximamente se iniciarán as negociacións do novo mapa de titulacións do sistema universitario galego, respecto das que expresou o obxectivo de tratar de incorporar ao campus un novo grao relativo á creatividade, "que sería unha fortaleza máis".
Ademais deste eixe da docencia, o plan estratéxico do Campus Crea recollerá a necesidade de fomentar a investigación e a I+D relacionada coa creatividade e o traballo coa contorna, ao ser Pontevedra unha cidade "moi relacionada coa cultura e as industrias culturais".
A previsión é preparar estes cambios do plan estratéxico nestes últimos meses de 2023, "para que poidamos traballalo no primeiro trimestre de 2024", no que se cambiaría tamén a gobernanza do Campus Crea "para facela semellante ao resto dos campus de especialización".
Así mesmo, tamén será preciso aprobar un plan de acción, entre outras accións a acometer co propósito de ter preparada, "sé é posible, dentro do primeiro semestre de 2024" toda a documentación necesaria para que o proxecto poida someterse ao proceso de avaliación.
Na xuntanza, o reitor informou tamén dos resultados obtidos na enquisa realizada ao alumnado para coñecer a demanda que tería unha residencia estudantil en Pontevedra.
Segundo explicou, o 98% do estudantado considera que debería haber unha residencia universitaria en Pontevedra e o 64% sinalou tamén estarían interesados en ser usuarios desta.
Non obstante, Manuel Reigosa tamén revelou neste punto que polo de agora "non hai ningún avance significativo" nas xestións relativas aos que serían os seus posibles emprazamentos.
Falou da posible cesión do actual Hospital Provincial, do que "unha parte estaría moi ben como residencia"; ou dos terreos da antiga Tafisa, nos que, como lembrou, a prioridade é construír a sede das facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública.
No referido a estes dous últimos centros, Reigosa salientou tamén o seu "éxito" en termos de matrícula e incidiu no efecto positivo que tivo neste eido a posta en marcha dunha modalidade virtual no Grao en Dirección en Xestión Pública.
En termos xerais, o reitor amosouse "bastante satisfeito" cos datos de matrícula, de tal xeito que no campus "unicamente temos agora mesmo un problema" co Grao en Enxeñaría Forestal, un ámbito no que, recoñeceu, "estamos traballando arreo".
Relacionadas:
-
Dirección e Xestión Pública ofertará no curso 2024-2025 máis prazas virtuais que presenciais
Por Alejandro Espiño |
-
Dous anos de traballo para deseñar unha "solución global" para o campus de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Deseño, unha titulación cun "futuro prometedor" nun campus "que está medrando"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Reigosa e Lores apostan por un Hospital Provincial que acolla Fisioterapia e Enfermería mantendo o uso sanitario
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
'Contos de Inverno', a aposta da UVigo pola narración oral para adultos
Por Redacción |
-
Trinta e oito universitarios estranxeiros estudan en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Vicerreitoría e o Museo de Pontevedra exploran vías de colaboración
Por Oskar Viéitez |
-
O curso tamén bota a andar na universidade
Por Oskar Viéitez |
-
O grao en Deseño estréase no campus de Pontevedra con 52 estudantes
Por Redacción |