Dirección e Xestión Pública ofertará no curso 2024-2025 máis prazas virtuais que presenciais
Por Alejandro Espiño
Tras a apertura do grao de Deseño e á espera de que reabra o mapa galego de titulacións, a oferta académica do campus de Pontevedra apenas sufrirá cambios de cara ao curso 2024-2025. Só haberá unha modificación que afectará ao grao de Dirección e Xestión Pública.
Así o acordou o Consello de Goberno da Universidade de Vigo, que fixou o orzamento que a institución terá no ano 2024 e o límite de prazas para cada unha das titulación.
En Pontevedra, a maiores dos alumnos que accederán por primeira vez ao segundo curso de Deseño, o que incrementará o número de estudantes adscritos ao campus, o grao de Dirección e Xestión Pública pasará a ter máis alumnos na modalidade virtual que na presencial.
Das 45 novas prazas que se ofertan cada ano, cinco delas pasarán da modalidade presencial á virtual, quedando en 20 presenciais e 25 virtuais.
O resto de graos manteñen a súa oferta de prazas de novo ingreso do curso 2023-2024.
A maiores, o reitor da universidade, Manuel Reigosa, avanzou que se está a debater na Armada a posible modificación do título que se imparte no Centro Universitario da Defensa de Marín.
Sería un proceso que xa se produciu noutros en centros similares e que iría encamiñado cara a impartir un título de carácter "máis xeneralista e non tan esixente" en termos de horas de estudo.
A Universidade de Vigo, que aprobou un orzamento de 248,8 millóns de euros para 2024, o maior da súa historia, terá un límite de 5.606 prazas de novo ingreso para o vindeiro curso, 3.837 para titulacións de grao (dúas menos que este curso) e de 1.769 para titulacións de mestrado (65 máis).
Relacionadas:
-
Dous anos de traballo para deseñar unha "solución global" para o campus de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Deseño, unha titulación cun "futuro prometedor" nun campus "que está medrando"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Reigosa e Lores apostan por un Hospital Provincial que acolla Fisioterapia e Enfermería mantendo o uso sanitario
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O campus universitario quere crecer cun novo grao relacionado coa creatividade
Por Alejandro Espiño |
-
Ratifican a creación das novas facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |