Reigosa e Lores apostan por un Hospital Provincial que acolla Fisioterapia e Enfermería mantendo o uso sanitario
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, recibía este luns a Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, que acudía acompañado pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón.
Durante o encontro trataron, entre outros temas, o futuro do Hospital Provincial que, durante leste mesmo ano, era proposto como espazo para acoller unha residencia universitaria. Proposta realizada en campaña electoral por parte do Partido Popular de cara a cando finalicen as obras do Gran Montecelo.
Manuel Reigosa indicaba que polo momento non hai novidades sobre esa opción de dar un uso universitario a esas instalacións sanitarias. Recoñeceu que, en todo caso, no futuro a universidade contemplaría o posible movemento da Facultade de Fisioterapia a ese edificio onde xa se atopa a Escola de Enfermería que, a partir do próximo curso, deixará de ser un ensino adscrito á universidade para se converter nunha titulación propia.
"Está no centro da cidade, nun edificio tan magnífico e eses usos cremos que son compatibles con outros usos que plantexan outras administracións", recoñeceu Reigosa en referencia ao Concello pontevedrés.
O alcalde recolleu estas palabras sinalando que o goberno local é partidario de que se manteñan usos sociosanitarios no Hospital Provincial pero entende que é compatible coa localización de Fisioterapia e Enfermería no recinto sen que se eliminen eses usos sanitarios. "Parécenos razoable e compatible", asegurou Fernández Lores.
Reigosa explicou que a universidade mantense pendente da recepción da titulación de Enfermería por parte da Deputación de Pontevedra. O reitor manifestou que a idea é que no curso 2024-25 o alumnado que comece a cursar estes estudos forme parte xa dunha titulación propia universitaria e non adscrita.
Iso supoñerá, segundo relataba, unha mellora na docencia, "que xa é boa pero imos subir o listón en canto a número de profesores"", ademais do recoñecemento da docencia con título de doutor. Engadiu que se trata de cambios que o alumnado non detectará pero que mellorarán a calidade educativa da actual Escola de Enfermería.
NOVAS TITULACIÓNS
O reitor tamén destacou a complicidade do Concello no proceso previo de creación do campus de especialización, o campus CREA, e espera que en xaneiro se inicien as negociacións dun novo mapa de titulacións. "Queremos traer algún título adicional novo para Pontevedra", admitiu e entende que debería de buscarse unha titulación relacionada coa creatividade ao encaixar coa "industria creativa" que desenvolve a cidade.
O responsable universitario recoñeceu que a Facultade de Educación e Ciencias do Deporte precisa unha ampliación.
"Xa non cabe a xente" e sinalou que as remodelacións que se realicen no campus deben exporse con perspectiva de futuro xa que se rexistrará unha caída demográfica aínda que as facultades pontevedresas son "titulacións que deixan a moita xente fóra. Hai moita xente que quere estudar e co número de prazas que se ofertan non poden vir estudar aquí". Actualmente o campus de Pontevedra conta con máis de 4.000 estudantes entre graos e mestrados.
CESIÓN DA PARCELA DE TAFISA
Precisamente, un dos temas centrais da reunión entre o goberno local e os dirixentes universitarios estaba enfocado a dar saída á cesión da parcela de Tafisa para a construción do edificio da Facultade de Deseño, na que tamén se acollerá a titulación de Dirección e Xestión Pública.
O terreo presenta 20.000 metros cadrados, dos que 14.000 son edificables. "É prioritario para establecer o campus do futuro", apuntou o reitor sobre esta cesión dun espazo que, ata o momento por problemas "técnico-xurídicos", non se puido efectuar. O alcalde sinalou que agora se buscará a solución máis fácil para pechar ese convenio que presentará tamén unha modificación relacionada co edificio proxectado inicialmente.
Reigosa expuxo que estaba previsto construír un edificio que nos termos da economía actual é "impensable" polo seu elevado custo. Neste momento, a través da dotación para edificios procedente da Xunta de Galicia, está previsto un proxecto para un inmoble máis pequeno e económico. O prazo para a execución da obra sitúase en cinco anos a partir de que sexa efectiva a cesión da parcela.
NEGOCIACIÓNS CON COSTAS
Outro dos temas tratados céntrase en demandar a desafectación de terreos xa consolidados, ocupados por edificios como o de Fisioterapia no campus da Xunqueira, a Escola de Adultos ou o Pavillón Universitario no outro marxe do río, que están afectados por Costas. "É un tema complicadísimo", asegurou o alcalde expoñendo que é necesario que cada unha das administracións afectadas presente a petición xa que non se pode realizar de maneira conxunta.
"Operativamente non pasa nada, porque seguen a darse clases. Hai un convenio para uso das instalacións deportivas pero cada vez que se quere facer unha cesión aparece Costas", argumentou Lores. En próximas datas técnicos municipais e da universidade manterán un encontro para presentar estas solicitudes de desafectación.
Relacionadas:
-
En marcha o novo "dobre grao" para Comunicación Audiovisual e Publicidade e os mestrados de Enfermería e Incendios Forestais
Por Redacción |
-
Dirección e Xestión Pública ofertará no curso 2024-2025 máis prazas virtuais que presenciais
Por Alejandro Espiño |
-
Dous anos de traballo para deseñar unha "solución global" para o campus de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Deseño, unha titulación cun "futuro prometedor" nun campus "que está medrando"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Impulsar un programa de doutoramento na facultade de Fisioterapia, o reto máis inmediato da reelixida decana Mercedes Soto
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta prevé investir 25 millóns de euros para a compra do equipamento do novo Montecelo
Por Redacción |
-
A Xunta construirá o aparcamento e a cafetería do Gran Montecelo e sacaraos a concesión
Por Alejandro Espiño |
-
O campus universitario quere crecer cun novo grao relacionado coa creatividade
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta inclúe a remodelación de espazos do Hospital Provincial no plan de infraestructuras das universidades galegas
Por Oskar Viéitez |
-
A Universidade de Vigo celebra a toma de posesión de 25 novos catedráticos, 14 catedráticas e 75 docentes titulares
Por Redacción |
-
O Hospital Provincial, no programa de Rafa Domínguez: en clave universitaria, con tres novas titulacións e unha residencia
Por Natalia Puga |
-
A nova Facultade de Enfermaría dá os "últimos pasos" coa vista posta no curso 2024-2025
Por Rosalía Rico Otero |